O Estradense non pode co árbitro

La Voz

PONTEAREAS

? frustración encheu o domingo o vestiario do Estradense trala finalización do partido contra o Juvenil en Ponteareas. Sabedores de ter dado todo no campo, Eduardo Carregal e os seus homes regresaron a casa coa certeza de que o árbitro do encontro, o vigués Jorge Orreia, lles escamoteara se non o triunfo, si o empate. Primeiro, ao anularlle un gol a Unai no minuto 10 e co marcador a 0, por suposto empurrón de Chechu a dous defensas. Segundo, por expulsar a Unai no minuto 38 nunha xogada polémica e considerada por Carregal como a acción clave do partido. Co balón nos seus pés, o futbolista vermellón recibíu unha forte entrada, pesie á cal proseguíu co seu avance, que iniciou cun movemento de cóbado. O seu adestrador asegura que nin lle tocou ao xogador rival, pero o colexiado apreciou unha agresión, e mandou a Unai ás duchas. No desconcerto xerado entre o Estradense, o Juvenil aproveitou para marcar o seu segundo gol, o 2-0. Javicho recurtou de inmediato antes do descanso e na reanudación provocou un penalti que o árbitro non víu. A 10 do final chegaría o 3-1, pero o cadro de Carregal aínda tivo tempo de subir o 3-2, obra de Chechu, desperdiciar outras tres claras ocasións de gol e recibir unha nova pena máxima obviada polo trencilla.