Carmen V. Valiña: «A idea inicial da novela foi darlle valor ao relato das mulleres»
VIGO
A autora gañou o Premio Repsol co libro «Illa de sangue», que foi publicado por Edicións Galaxia
11 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Editorial Galaxia ven de publicar a novela Illa de sangue, coa que Carmen V. Valiña obtivo o Premio Story Breve Repsol. A escritora e investigadora en temas de xénero e recuperación de mulleres esquecidas centra a súa historia na illa de San Simón.
Cal foi a idea que a levou a crear Illa de Sangue?
— Foi a partir dunha residencia literaria que fixen en San Simón na que puiden estar alí varios días explorando a illa. Iso levoume a investigar tamén a súa historia. Digamos que foi unha combinación entre a paisaxe, a compoñente de memoria que ten a illa —máis aló do seu aspecto cultural— e tamén a idea de darlle importancia ás historias e ao relato das mulleres, que é un pouco o que eu traballo tamén a nivel de investigación. Coa combinación de todo iso xurdiu a novela.
— Ten unha longa traxectoria no ámbito do ensaio. Por que a ficción agora?
— Sempre escribín ficción, pero eran relatos curtos que nunca se chegaron a publicar; a nivel editorial sempre fixen ensaios. Cando empecei a escribir, deume para facer algo un pouco máis longo e tamén foi como un reto poder rematar nun formato máis extenso; tiña máis sentido nese caso facer unha historia única en formato de novela. Sempre traballei a ficción, pero ata agora non publicara nada así, nun formato un pouco máis longo.
— Por que optou por presentala ao Premio de Narrativa Breve Repsol?
— Rematei a novela, coincidiu coa convocatoria do premio e pensei que podía ser unha vía para ver se lles interesaba. Foi sorprendente a obtención do premio por ser a primeira novela que facía, aínda que sexa unha novela curta. Tamén foi un respaldo no sentido de que tes un xurado que valora o que escribes e considera que ten certa coherencia e valor literario.
— Helena e as mulleres de Illa de Sangue son as «tolas» das que xa falou nun traballo anterior?
— Hai unha personaxe, Coral, unha das protagonistas importantes da novela, que si ten vinculación co tema das mulleres internas en Conxo. Pero non é unha persoa real, digamos; non había na documentación ninguén que se chamase Coral, pero si hai certos elementos da súa traxectoria, da súa rebeldía e da súa relación coa familia que fan referencia, de maneira máis ou menos directa, a casos que si foron reais en Conxo. Entón non é unha personaxe real, pero podería selo.
— Que lle interesa da literatura?
— Lembro escribir desde pequena. É unha maneira de construír os teus imaxinarios, de facer que outra persoa viaxe a través do que ti escribes. No meu caso particular, é unha maneira de envorcar a través da ficción preocupacións que teño a nivel de investigación como pode ser, lamentablemente, a memoria das mulleres, a reflexión sobre a loucura real e sobre a loucura construída, e trasladala a unha escrita que é accesible a un maior número de persoas que o ensaio, que acostuma quedar no académico.
— O título que presentou ao premio era contundente, A illa que supuraba sangue. Parece o título dun thriller.
— Si, é máis dramático. O título intenta resumir certos elementos da historia que si teñen ese punto de dramatismo, pero tamén fai referencia á propia historia da illa de San Simón que, aínda que moita xente a asocia aos ámbitos cultural e paisaxístico, está relacionada coa represión, o encerro e o control de persoas que se deu ao longo de cada momento histórico. Así que ten ese compoñente importante de dramatismo na historia de Galicia. O título tira un pouco polas dúas bandas.
— Cando se fala de memoria sempre saen nomes masculinos. Hai aquí unha reivindicación feminina?
— Si, claro, é unha das miñas preocupacións de sempre e tradúcese no que escribo, aínda que neste caso sexa ficción. Interésame particularmente moito como se herdan tamén os traumas familiares; entón a idea de construír personaxes femininas como Helena ou Coral —que son persoas, por unha banda moi fortes, pero por outra tamén moi fráxiles por todo o seu pasado— interesábame para ver ese fío que as conecta e como se relacionan con outras mulleres da súa familia. Despois é certo que a illa, sobre todo cando foi un cárcere para os republicanos, asóciase moito coas figuras masculinas que alí estiveron, pero tamén había mulleres que quedaban fóra, que estaban na outra beira agardando por eles e sostendo as súas familias. Ao final, a historia feminina contouse moito menos e por iso si teño un punto de reivindicación.
— Manterá aberta a vía literaria?
— Gustaríame. Foi unha primeira experiencia bastante positiva. Resúltame curioso ver como cada persoa interpreta o que se conta no libro, porque no ámbito do ensaio ten menos cabida a interpretación. Si que me gustaría seguir explorando esa vía.
— Que opina da polémica en torno aos usos que se lle dan á illa de San Simón?
— Penso que o que máis se debería destacar é o papel que ten respecto á memoria histórica, que creo que ao mellor quedou en parte opacado polo festival ou por actividades que se centran máis no lúdico, aínda que a parte cultural tamén sexa importante. A residencia literaria na que eu participei si ten ese compoñente de vinculación coa cultura polos poetas medievais e demais. Esa parte considéroa relevante, pero penso que non habería que esquecer que, máis alá do valor paisaxístico e cultural, pasaron alí cousas terribles. Iso tamén nos debería levar a reflexionar; tería que ser o que máis se destaque: a compoñente política, ideolóxica e de represión que tivo.