Manuel Bragado: «Vigo e A Coruña son a mesma cidade»

De volta ás aulas e tras 24 anos editando libros, advirte que o galego «está en situación de emerxencia»


vigo / la voz

Manuel Bragado é coma unha árbore, como esas que xa bota en falta na súa Gran Vía de Vigo sentenciadas pola serra. Os aneis que marcan a idade no seu tronco son os centos de libros que lle rodean por toda a casa, e as súas ramas a pedagoxía, a literatura, o ensino, o nacionalismo, o galego, as viaxes, o pacifismo, os faladoiros, o fútbol, o Celta, Vigo. Manolo, como se refíre a si mesmo, afunde as súas raíces no Pirulí, onde naceu hai sesenta anos. «Miña nai non deu a luz na casa porque eu viña revirado». Ela era unha dependenta da zapatería de Abdón Cruces da Porta do Sol viguesa. O seu pai, un viaxante de comercio de paquetería e téxtil, fillo dun emigrante zamorano de Malva que chegou a Galicia en 1919.

As letras comezaron a caer por decantación na súa cabeza na escola de dona Angustias, en Pi i Margall, «pero quen me educou de verdade foi o meu avó materno, Suso Veleiro, un ebanista que fixo moitas veces de vernizador a domicilio e levábame con el no tranvía, no Vitrasa ou nos autobuses dos rusos», fai memoria Bragado lembrándose tamén de xornadas de reparación das butacas de cines como o Dísol, Roxy ou o Palermo.

Vigués militante como é, a Bragado deixoulle unha pegada para toda a vida a etapa que experimentou na Universidade Laboral de A Coruña onde foi a cursar quinto, sexto e COU. «Téñolle moita lealdade a cidade, porque ademais comparto a tese de Xurxo Souto de que Vigo e A Coruña son a mesma cidade, forman un referente atlántico único, tamén culturalmente, en compoñente lingüístico e na forma de ser das clases populares e traballadoras. As elites, en cambio, son algo distintas».

Acostumado tamén a ver o mundo dende a óptica empresarial que lle deu liderar a Editorial Xerais durante 24 anos, Manuel Bragado ten dúbidas de que Vigo poida manter o liderado económico de Galicia na primeira metade de século fronte a unha Coruña que, cre, agrupa de xeito máis decidido o papel metropolitano na súa contorna. «Vigo non está asumir ese liderado e iso impídelle manter o liderado de Galicia».

Na súa etapa coruñesa na Laboral Manuel Bragado descubriu o nacionalismo, a formación galeguista da man do educador Antón Lamapereira, e o galego, con Mari Carmen Panero. «Alí fun ao meu primeiro curso de galego xunto a outros que logo foron famosos como Antón Reixa, o Grupo Rompente, o mestre Henrique Del Bosque, ou Nieto Pereira», cita dando mostra dunha memoria de moitas xigabytes para os nomes e apelidos que teñen pasado pola súa vida. «Aquela foi a xeración que chamamos do Polycommander (un petroleiro noruegués que encallou e ardeu preto das Cíes en 1970). Rapaces de 16 e 17 anos fascinados pola expresión do nacionalismo». Militou primeiro en ERGA (Estudantes Revolucionarios Galegos impulsada pola UPG). «Pero fun depurado. A verdade é que non me identifiquei nunca coas organizacións políticas dogmáticas». O seu nacionalismo tiña outro verniz que saíu á luz en 1980 coa fundación de Esquerda Galega encabezada por Camilo Nogueira. «É para min un referente humano e político». Desde a fin da súa relación con EG, en 1982, Bragado non ten volto a militar en partido algún, quedou orfo de siglas.

Chegou a mili, en Madrid. Con un fusil na man facendo garda no CIR Colmenar Viejo asistiu á primeira vitoria de Felipe González. «Foi un momento de esperanza. E alí en Madrid, en plena Movida, coñeceu a unha das figuras máis relevantes da súa vida cultural, o xa desaparecido Xesús Jares, impulsor con Bragado da Nova Escola Galega, da paz como obxectivo educativo, doutra mirada nas aulas.

En 1982 a academia Vivas deulle a oportunidade de poñerse diante dos pupitres, como profesor de Lingua Española. «Pero o método educativo de Remedios Vivas, que non aguantaba, empuxoume a probar cunhas oposicións en preescolar que aprobei». Tras unha paréntese de case un cuarto de século como editor, Bragado volta ás aulas, as dos CEIP Laredo e Cedeira de Redondela como orientador. «Estou encantado, non dou feito», di satisfeito de retornar ao punto de partida: a pedagoxía. Nese ámbito fai unha advertencia: «O galego está en situación de emerxencia. Feijoo ten imposto un galeguismo sen galego. Estamos fracasando co idioma e incumprindo a lei».

Un pesar semellante, aínda que máis festivo, o invade ao falar do Celta, un equipo que considera doutro tempo, dun fútbol máis preciosista, como cando se ía a Balaídos ou a Riazor a gozar como espectadores, en lugar de ser atrezzo televisivo.

Cal foi o seu primeiro traballo?

Na Academia Vivas, na rúa do Príncipe de Vigo en 1982, despois da mili e durante menos dun ano. Paseino moi mal. Non aguantaba o seu sistema educativo.

De que viaxe garda o mellor recordo?

Un que fixemos a Brasil no 2004 a ver a uns familiares. Estivemos un mes e cruzamos o país en coche. Foi moi interesante.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
19 votos
Comentarios

Manuel Bragado: «Vigo e A Coruña son a mesma cidade»