«Os indies non son máis valentes ca min»

carlos crespo VILAGARCÍA / LA VOZ

VIGO

MONICA IRAGO

Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre actúan este domingo na Festa do Marisco do Grove

05 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O de Xabier Díaz é, seguramente, o mellor que lle ten pasado á música tradicional galega nesta década que se nos escapa das mans. Ninguén coma el foi capaz de achegar estes sons a un público que ata non hai nada lle era alleo. Ninguén coma el soubo tinguila de contemporaneidade, liberala de prexuízos, enchela de poética e upala a altares ata entón reservados a outros xéneros.

O espectáculo que artellou xunto ás cativadoras cantoras e pandeireteiras Adufeiras de Salitre, baseado nos seus catro discos en solitario, é posiblemente o máis fermoso que hoxe en día se pode ver enriba dun palco en Galicia. El sorrí e cala cando se lle comenta. «Seguinte cuestión», limítase a dicir.

-Que lle parece formar parte dunha programación na que están dende Imelda May a Iván Ferreiro pasando por Dulce Pontes, Novedades Carminha ou Triángulo de Amor Bizarro?

-Supoño que é sintomático. Eu no me atrevo a dicir que se está cambiando o modelo dunha maneira radical pero si que se están introducindo variables diferentes. E iso sempre me pareceu tremendamente enriquecedor. Aquel modelo uniforme, cun só tipo de estilo musical, acabou por fatigar a parte do público.

-Propostas como a súa poden conseguir atrapar a esta xeración, que semellaba case perdida para a música tradicional.

-Pode ser. Eu o que si que percibo é un rexurdimento destas músicas. E pouco a pouco vai a máis. Nomeadamente a música cantada. Eu son moi optimista neste sentido. Coido que esas barreiras e prexuízos que existían con este tipo de música van a menos. No noso caso facemos música tradicional do século XXI. A xente escoita algo que ten o fresquío de estar feito agora por xente deste tempo e á vez ten esa conexión telúrica coa enxebreza e co latexo propio do sitio onde somos.

-Bueno, entre trad e trap só hai unha letra de diferencia.

-(Rise) Efectivamente. E se cadra entre elas hai menos distancias das que a priori puideramos establecer.

-Explíquese.

-Hai xente que está facendo trap mesturado con músicas do mundo. Estanme chegando cousas interesantes nese sentido. E mesmo escoito compañeiros que din que non lle importaría facer cousas con xente dese mundo. Non é o meu caso, eh!.

-Tampouco lle tenta o pop?

-Neste momento en absoluto. Estou moi ben no camiño no que estou. E o máis importante é que me recoñezo. Eu botei a miña áncora e estou navegado polos lugares polos que quería navegar. Non sei no futuro pero neste momento non me seduce.

-«No folk estábase quente», dicía Guadi Galego.

-Se se refería a estar confortable, hoxe en día non se está confortable en ningún lugar. Non me parece que os indies ou os popeiros sexan máis valentes ca min. En absoluto.

-Estamos pagando as consecuencias de ter creado un xigante con pés de barro naqueles anos dourados do folk subvencionado?

-Probablemente. Pero eu no me recoñezo aí. Eu vou a tocar todos os anos á Capitol, ao teatro Principal ou á sala Galileo Galilei de Madrid e vou a taquilla. Eu non son sospeitoso de acomodarme nin de vivir ao abeiro de patrocinios ou subvencións. Gustaríame saber si neste territorio da música independente todos arriscan tanto como estou arriscando eu.

-Neste outono vai de xira a América. Que vai buscar?

-Vou a testar os públicos que hai aló que me teñen demostrado que están tremendamente interesados nas músicas do mundo. Non quero que a perspectiva desa xira sexa demasiado endogámica. Non quero dirixirme só ao público da diáspora. Así que imos outra vez a arriscar e a mollar as pernas, que é o que máis me seduce.

-Haberá novo disco de Xabier Díaz no 2020?

-Si, xa está confirmado. En marzo aproximadamente. Aínda non están os últimos detalles perfilados pero si, xa estamos traballando intensamente na última fase do disco.

-Ven á cantar á Festa do Marisco. Cal é o seu favorito?

-Eu son de percebes. Cando era pícaro crieime no norte, cerca de Cedeira, e daí me quedou ese sabor da infancia na cacheira. Supoño que tamén daí ven o de Salitre.