AGalega aposta na grela de hoxe por un programa dobre en sesión continua, coas longas de recente produción O s mortos van á présa e Pradolongo ; a ton co Día das Letras, que cada vez é máis a festa da nosa cultura en canto que a lingua é tamén sinal identificadora nas restantes disciplinas da expresión artística. Neste caso, do audiovisual. Dous filmes rodados en Galicia, con actores e técnicos nosos, e producidos coa finalidade primeira de demostrar que facer cine propio é posible á marxe de ser unha necesidade. Outra cousa é debater sobre se ambas ficcións son coincidentes, son discrepantes ou se complementan.

Pode que haxa un chisco de todo iso e o espectador que non puido seguilos en salas (ambos petaron contra a barreira da exhibición, en mans norteamericanas?) terá ocasión agora de conformar opinión. Comeza a percibirse un síntoma inquietante para a reflexión. As novas xeracións de espectadores están a medrar cun cine galego invisible por mor do escaso interese das salas ao dar prioridade á caixa (comprensible, pois teñen que comer?) sobre calquera coartada cultural ou ideolóxica. Ese papel déixase en mans da Galega, como se confirma na oferta de hoxe, cos filmes de Ángel de la Cruz e Ignacio Vilar, que para moitos suporán unha descuberta.

Haberá de todo na súa acollida, pero polo menos terán en fronte ao seu público natural. E xa que estamos no Día das Letras (perdón, no día da nosa cultura), quizais é bo momento para que a autonómica rescate as imaxes producidas (ou coproducidas) no país desde que en 1989 Chano Piñeiro rodara Sempre Xonxa coa nosa fala. Nesta referencia ao chorado cineasta de Forcarei (que escribiu, pensou e filmou en galego), quizais non sobraría que a Real Academia o acollese entre os próximos candidatos a recibir o seu recoñecemento por expresarse nunha canle como a audiovisual, fundamental para a supervivencia da fala e da cultura propias nos tempos a vivir.