«Isto é meterse na primeira división dos cómicos»

TELEVISIÓN

O carballés converteuse onte no gañador do exitoso concurso de humor que organiza Televisión Española

09 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O carballés Roberto Fernández, Rober Bodegas, en honra á profesión do seu avó, converteuse onte no rei da comedia. A particular retranca do colaborador de Radio Voz Bergantiños convenceu tanto ao xurado como ao público do concurso que TVE emitiu en horario de máxima audiencia durante as noites dos sábados.

-¿Con que queda do programa?

-Coa experiencia de coñecer aos compañeiros, coa experiencia de traballar na televisión e coas oportunidades que supón o programa. Isto é meterse na primeira división dos cómicos, nese lote de xente que actúa nos lugares máis importantes.

-¿Como se chega dende o pub D'Antón da Laracha a ser o rei da comedia?

-Eu empecei alí hai agora cinco anos e dende entón foi todo unha aprendizaxe progresiva. Gustábame escribir e tiña curiosidade por saber se era quen de facer algo que lle gustase á xente. Unha vez que vin que isto podía ser algo máis que unha afección fixen cursos cos mellores, como Leo Basile, Quico Cadaval ou Cándido Pazó. Preocupeime por formarme, non foi algo que viñese só.

-¿E agora que? ¿Cales son os obxectivos?

-Veño de actuar en Elxe, despois vou catro días a Cataluña e logo a Murcia. Agora mesmo non teño moito choio porque todos os sitios programan con dous meses de antelación, pero imaxino que en canto pase o Nadal chamaranme máis. Aspiro a formar parte algún día dun cartel continuo nalgún gran teatro de Madrid ou doutro sitio.

-Vostede sempre se considerou unha persoa tímida.

-A verdade é que si. Nin sequera penso que sexa gracioso, senón máis ben ocorrente. Imaxino que para outras persoas resultaría máis doado, pero, para min, vencer esa timidez de subir a un escenario supuxo un reto de superación persoal.

-¿Que hai en Rober Bodegas de retranca galega?

-Eu fago como os contacontos de toda a vida. Tomo nota das cousas que me chaman a atención e as inclúo nunha historia con personaxes que ten un inicio, un desenvolvemento e un final.

-¿Como leva esa carreira que tanto xogo lle dá nos seus monólogos: a Arquitectura de Interiores?

-Vaime mellor do que normalmente digo. De feito, fixen a carreira curso por ano e agora só me falta o proxecto final.

-Supoño que é consciente do cambio de vida que lle espera.

-Si. A verdade é que xa cambiou moito ata agora. Mentres sexan cambios positivos coma este, son bos. Penso seguir mantendo o meu núcleo de Carballo, pero son unha persoa independente e irei alí onde me chamen.