A diáspora reflexiona nun volume sobre a potencialidade da Galicia global

Juan Oliver CORRESPONDENTE | BRUXELAS

TELEVISIÓN

Propoñen celebrar no 2007 un congreso que poña en contacto aos emigrantes galegos O foro cívico de Barcelona presenta en Bruxelas o segundo número de «reNova Galiza»

12 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

?esenta emigrantes galegos e representantes de asociacións galegas repartidas polo mundo reflexionan sobre o futuro e as posibilidades da Galicia global nun monográfico que ven de editar o Foro Cívico Galego de Barcelona como separata ao segundo número da revista reNova Galiza, e que foi presentado a pasada fin de semana en Bruxelas. O volume conta coa participación dun amplo abano de profesionais galegos emigrados (escritores, músicos, periodistas, profesores, artistas, políticos), e está ilustrado con fotografías da serie Galegos na diáspora do fotoxornalista vigués Delmi Álvarez. «Somos un pobo en movemento que aínda ten certa inconsciencia do seu movemento na procura dunha identidade colectiva», di Ana Miranda, coordinadora do monográfico e quen presidiu a súa presentación na librería galaico-portuguesa Orfeu, no corazón do barrio europeo da capital belga. Relacións internacionais Miranda propuxo celebrar o ano que ven un «congreso da Galicia global» que poña en contacto aos galegos espallados polo mundo e os ubique como embaixadores e protagonistas das relacións internacionais de Galicia: «Hai que darlle sona a Galicia no mundo», subliñou. Nese sentido, o escritor Xavier Alcalá, quen se definiu en Bruxelas como «inmigrante nun país de emigrantes», destacou que a era da globalización é unha época na que o mundo «traballa en malla», e que a diáspora galega ten tamén que interconectarse e traballar en malla para coñecerse mutuamente e publicitarse fóra. Pola súa banda, o tamén escritor Xavier Queipo, afincado desde hai anos en Bruxelas, destacou os aspectos da «épica positiva» que ó seu xuízo ten a emigración, especialmente polo enriquecemento que os emigrantes aportaron a Galicia grazas aos intercambios con outras culturas, pero tamén polo impulso á toma de conciencia sobre a identidade como pobo que acadaron dalgúns dos galegos que se artellaron en torno a figuras da emigración como Luis Seoane ou Castelao. Precisamente, reNova Galiza é herdeira de Nova Galiza, a revista que fundaran na Barcelona do ano 1937 Castelao e Dieste. O seu director, Camilo Valdehorras, profesor de Filoloxía Galega na Universidade de Barcelona e presidente do Foro Cívico Galego da capital condal, defendeu o legado ético e ideolóxico daquela publicación, subliñou o carácter transnacional da diáspora galega e chamou a promover o pangaleguismo, entendido como defensa das formas e valores da conciencia cívico-cultural galega dentro e fóra dos lindeiros da Galiza territorial. Números Finalmente, o filósofo Suso Mon, subdirector da revista, comentou os contidos do segundo número de reNova Galiza, e explicou que si o primeiro volume trataba de responder á pregunta de que Galicia queren os galegos que viven en Galicia, o segundo pretende aportar ideas para definir a Galicia que queren os galegos que viven fóra dela.