Unha nova colección permite ler en galego as obras de Shakespeare

La Voz

TELEVISIÓN

A editorial Galaxia estrea a súa serie de clásicos universais coa biblioteca do escritor inglés Sotelo Blanco edita as traduccións de «O proceso», de Kafka, e «Tifón» de Joseph Conrad.

12 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

«Toda lingua culta ten que ter un corpus dos clásicos universais e o galego debe ter ese corpus». Son palabras do profesor Miguel Pérez Romero, autor da traducción ó galego das obras de Shakespeare que vén de publicar Galaxia. A editorial estrea unha nova colección dedicada os clásicos universais coas dúas primeiras obras da Biblioteca William Shakespeare. Cada un destes libros, editados en capa dura, recollen dous dos títulos máis coñecidos do escritor inglés como son as traxedias Romeo e Xulieta e O rei Lear, por unha banda, e Noite de reis e A tempestade por outra. Fontes de Galaxia indican que Shakespeare «é xa patrimonio de tódalas culturas e de todos os pobos» e por iso esa biblioteca nace «co propósito de achegar ó lector galego o rico e complexo universo literario do dramaturgo inglés». Coa nova colección de clásicos universais Galaxia quere reunir, «traducidas para o galego, as obras fundamentais da historia da literatura»; neste senso, desde a editorial reafirman as palabras de Pérez Romero: «A pegada que deixaron na tradición literaria occidental, os textos que máis influencia exerceron e exercen sobre os escritores e as tendencias actuais, as obras que xa son fito ineludible para calquera literatura han de estar presentes nesta nova colección». Miguel Pérez recoñece que traducir a Shakespeare ó galego «ten unha dificultade grande», entre outras cousas porque nos seus textos «hai moitos xogos de palabras, moitos termos de dobre sentido». Explica que mantivo as rimas ocasionais, agás no comezo de Romeo e Xulieta, pero «respectando sempre a parte en prosa e en verso». Este traductor xa pasou ó galego outras obras do escritor inglés como Unha noite de San Xoán e Hamblet ademais de Ernest, de Oscar Wilde, entre outras. Vaqueiro e Luís Fernández A editorial Sotelo Blanco tamén publicou en galego dúas obras doutros tantos autores clásicos como son Joseph Conrad e Franz Kafka. Do primeiro deles Xavier Queipo traduciu ó galego Tifón e do segundo Luís Fernández Rodríguez fixo o mesmo con O proceso. Luís Fernández indica que «o estilo de Kafka é moi repetitivo e, como alguén afirmou, representa unha constante tentación de corrixilo. Esta traducción foxe dunha tentación así». Tamén lembra o traductor nunha nota que inclúe no libro a constante loita de Kafka contra os seus editores «para que respectasen o tamaño dos grandes bloques da súa prosa, dividida en parágrafos que se estenden ó longo de páxinas». Outras editorias galegas como Xerais, Laiovento, Do Cumio ou Positivas tamén publican varias obras de autores clásicos traducidas ó galego.