«A vida na aldea era moi represiva»

CAMILO FRANCO VILAGARCÍA

TELEVISIÓN

Xosé Luís Méndez Ferrín, escritor Haberá poucos escritores con máis influencia na cultura dun país que a de Méndez Ferrín na galega. Quizais polo peso das obras que foron marcando épocas: «Con pólvora e magnolias» ou «Estirpe» en poesía, «Amor de Artur» ou «Arraianos» en narrativa. Tamén pola súa man no teatral «Celtas sen filtro» ou pola interpretación da poesía galega en «De Pondal a Novoneira». Biografía literaria ligada vitalmente a unha biografía política de resistencia e dunha militancia para que hai que esquivar a lingua de ferrete da palabra compromiso. A dicir dos que estudian, Méndez Ferrín é un escritor cun idioma e cunha patria vigorosamente unidas.

04 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

¿¿Cal é a perspectiva que ten hoxe sobre Arraianos ? ¿A min paréceme que é un dos libros meus que ten unha mellor acollida entre o público lector. É curioso. Tal vez porque lle representara unha sorpresa dentro da miña obra, unha sorpresa porque este é un libro fundamentalmente rural. Non había moita literatura relacionada coa aldea tradicional galega, e este si o era. Foi un libro que tivo moita repercusión, traducido a varias linguas, tamén moi reeditado. A verdade é que non podo dicir por que. ¿E literariamente ¿cal era a súa intención inicial? ¿Era escribir un libro centrado na Raia, a través de varias épocas históricas, e falo da Raia mesmo cando non existía. Utilizando a Raia Seca e tendo como centro referencial de todos os contos un monte que se chama Penagache. Hai contos que están ambientados na época de San Rosendo, outros no século XIX, na guerra civil, pero todos no mesmo sitio. ¿¿E por que ese lugar? -¿Porque é o meu. Porque Celanova pertence a esa zona e porque os meus antepasados traficaban a través desa fronteira. Home, traficaban en zocos, en zapatos, en feiras. Castro Leboreiro é unha aldea na que eu aínda vin baixar ós carboeiros para vender no mercado do Celanova. Para nós, a fronteira era algo que viamos todos os días. Diciamos está alí o Penagache, alí está Portugal. ¿Nos relatos de Arraianos , os personaxes padecen unha presión grandísima do entorno. ¿A vida na aldea tradicional galega era moi represiva. O individuo na aldea era moi pouco libre. Marcuse, autor tan influínte hai anos e que volve a selo agora, afortunadamente, explicaba en O home unidimensional , a presión que recibía o home na sociedade da información moderna. Eu creo que tiña na razón pero moito máis unidimensional era o home na aldea que o da sociedade da información, non na galega, en calquera aldea, en todas partes, aquí ou en África, aínda que non coñezo moito das aldeas de alá. O home está sometido a unha terrible opresión social. Aí vén a institución da cormentada ou da pulpada, cando un individuo se comporta fóra da normalidade, é condenado pola sociedade á excomunión.