LECTURAS CUALIFICADAS
31 mar 2002 . Actualizado a las 07:00 h.Na historia da literatura en galego hai unha chea de obras ambientadas na época franquista. Desde Era tempo de apandar, de Ramón de Valenzuela, e O silencio redimido, de Silvio de Santiago, ata O bosque das antas, de Fernández Naval, e O cego de Pumardedón, de Fernández del Riego, podese facer unha boa relación. Nembargantes, non existía unha novela centrada no antifranquismo da posguerra e os escuros personaxes que nel loitaban e conspiraban sen outro horizonte que a tortura e a cadea. Expediente Artieda, de Luis Rei Núñez, ten a virtude de ser a primeira que trata o tema dabondo, e con fortuna. Non é unha novela curta nin moi longa (pouco máis de 200 páxinas), pero si o suficiente para engaiolar ó lector, especialmente ós que viviron a época que o autor narra. O argumento ten certo aire de thriller: un home, Ricardo Artieda, chega no tren á Coruña co obxectivo de vingar a catro camaradas asasinados durante a acción que debería poñerlle fin á loita da guerrilla. As pistas lévano a un sanatorio das aforas da cidade, o de Oza, mentras el decide cando será o castigo para o traidor. Fascinante mestura Á fin, decide o asasinato do propio Xefe do Estado, Francisco Franco, que veranea no Pazo de Meirás. Rei fai unha fascinante mestura de personaxes reais (coma Pedro Barrié, Enrique Mariñas, Dagoberto Moll, Ernesto Pons...) cos de ficción (coma o gobernador civil Valeriano de Frutos) levando a trama ata un fin propio de Alfred Hitchcock, cando o protagonista é descuberto pola policía e foxe cara a Torre de Hércules. En resume, unha novela ben artellada, cun ritmo que amosa oficio e coñecemento histórico.