MARÍA XOSÉ AGRA ROMERO, profesora de Filosofía Moral e Política da U.S.C.
03 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Ben é certo que Sempre en Galiza para moitos e moitas da miña xeración foi un texto lido, nun primeiro achegamento, dende a perspectiva do interese pola memoria histórica, do acontecido no pasado inmediato, e da acción política, é dicir, coma texto de combate. Polo tanto, un Sempre en Galiza lido dende a tensión da acción, nun momento caracterizado polas inquedanzas e os cambios sociais e políticos, que semellaba próximo ao que o propio Rodríguez Castelao salienta no Adro da súa obra cando, fronte aos intelectuais que pasan a vida a darlle voltas aos problemas, di que hai que loitar e crear, e bota en falla aos homes de acción. Para pensar Agora ben, trátase dun clásico do pensamento político de Galiza e neste senso a súa lectura dá que pensar máis alá ou ao mesmo tempo que se recoñeza o seu valor como obra fundamental do nacionalismo galego. Eu destacaría dende a miña perspectiva de lectora de comezos deste novo milenio -lóxicamente sen menoscabo doutros temas importantes e dados os tempos que corren-, a vixencia e capacidade de Castelao para transmitir o pensamento dun refuxiado político. Sen carta de cidadanía En Sempre en Galiza, Castelao fainos partícipes dos pensamentos profundos de alguén a quen se lle nega a carta de cidadanía; fornécenos da base para comprendermos a figura do exiliado político que, malia a nostalxia, exerce a crítica social e política, que fai que entendamos tamén outra clase de exilio social, peor se cabe que o que nos alonxa da terra: o desterro no propio país cando se carece de liberdade e xustiza.