San Clodio recoñece a Eladio Rodríguez

EMMA ARAÚJO / M. CHEDA RIBADAVIA/ SANTIAGO

TELEVISIÓN

XURXO LOBATO

A FESTA DA FALA O manifesto do Partido Popular en defensa da lingua provocou o rechazo do PSOE e BNG ó consideralo hipócrita e oportunista Eladio Rodríguez recibiu onte na terra que o veu nacer a homenaxe conxunta dos membros da Real Academia Galega, dos seus familiares, e dos veciños de Ribadavia que viviron as vintecatro horas do Día das Letras Galegas lendo, sen interrupción, parte da obra dun escritor moi vencellado á comarca do Ribeiro. Na sesión extraordinaria da Academia interviron Xesús Alonso Montero, García Bodaño, Antón Santamarina e Fernández del Riego. Todos eles loubaron a traxectoria literaria de Eladio Rodríguez, unha hora antes de que o Partido Popular celebrase a cen metros un acto que provocou a polémica nos partidos da oposición.

17 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

O recoñecemento ó traballo literario e lexicógrafo de Eladio Rodríguez comezou ca intervención no hotel-monumento de San Clodio do ribadaviense Xesús Alonso Montero. O académico lembrou o seu achegamento á figura do homenaxeado polas Letras Galegas o 7 de setembro de 1943, cando no programa das Festas do Portal incluíase un poema de Eladio Rodríguez sobre O Ribeiro. Para o escritor este foi o primeiro achegamento á literatura galega escrita cuns versos «que para min tiñan un valor especial; aprendinos de memoria ca emoción de quen le por vez primeira en galego». García Bodaño, pola súa parte, adicou o seu tempo de intervención a presentar o legado poético e «o caudal léxico» da súa obra, sinalando o traballo de Eladio Rodríguez por facer «todo un esforzo colectivo para lograr un espacio poético». Antón Santamarina foi o encargado de explica-la trascendencia do seu traballo lexicográfico do diccionario, ó sinalar que o seu legado é «unha das grandes obras das letras e do saber galego», aínda que non o vise publicado en vida. A Fernández del Riego, en calidade de presidente da Real Academia Galega, correspondeulle despedi-la sesión, lembrando tanto a importancia de Leiro e O Ribeiro na formación e na sensibilidade de Eladio Rodríguez, do que tamén destacou o traballo desenvolvido por quen foi presidente da institución de 1926 a 1934. Manifesto e maratón Con anterioridade á reunión, na mesma praza de San Clodio, o PP fixo pública a súa declaración oficial sobre a lingua galega, sinalando «o total compromiso na defensa e emprego da nosa fala, xunto coa firme vontade dos homes e mulleres populares de contribuírmos a aumenta-lo seu espallamento e implantación». Este acto motivou duras críticas no PSOE e BNG do Ribeiro, ó considerar que se lle restaba protagonismo ó acto da Academia. Fernando Rosendo, concelleiro do BNG, afirmou en San Clodio que «si Palmou repetira o que hoxe dixo hai vinte anos tería que prenderse a si mesmo». Namentres, en Ribadavia, preto de cen veciños da comarca participaron no maratón de 24 horas de lectura da obra poética de Eladio Rodríguez.