As escasas novidades da literatura galega deste mes están dedicadas á lírica O tren da vida frea cando pasa pola estación de agosto. O andar paseniño permite pasmar diante das postas de sol desde o Orzán ás Cíes pasando polo misterioso raio verde de Fisterra. Noites de festa e estrelas que fuxen. Os poetas loitan coas palabras. Carlos Oroza di que «En el norte hay un mar más alto que el cielo»; Rábade Paredes anota o que fan «Os dedos dos loureiros» e Henrique Rabuñal mira «O tempo demorado nos marmelos». As poucas novidades literarias deste mes de agosto son case todas poéticas.
13 ago 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Sementeira de Ronseis (Espiral Maior) recolle ós versos dos que chama cinco autores de vangarda: Xesús Bal y Gay, Johán Carballeira, Denys Fernándes, Emilio Mosteiro e José Otero Espasandín. A responsable da edición, Teresa López, explica que «a maioría destes poemas foron publicados en xornais e revistas nos anos vinte e trinta e non se volveran a editar desde aquela». Carlos Oroza (Viveiro, 1931) é o autor de En el norte hay un mar que es más alto que el cielo. A obra está publicada pola Deputación de Pontevedra dentro da nova colección Tambo, da que forman parte A rolda invisible, de Luís Rei Núñez (A Coruña, 1958), Et finira le jour de son commencemen, de Manuel R. Romón (Vigo, 1956), e Cárnica das nosas vidas xuntos, de Ana M. González (Bochum-Alemaña, 1975). Eliseo Alonso (O Rosal, 1924- La Habana, 1996) é o autor de A fronteira comunicante (Espiral Maior), unha obra inédita e póstuma. Da mesma editorial é O mosto e as fragas, de José M. Teixeira. A Deputación da Coruña publica Vocabulario das orixes, de Xosé M. Álvarez Cáccamo, e Os dedos dos loureiros, de Rábade Paredes.