Non sei se coñecen un auténtico fenómeno social que me enche de orgullo alleo (si, igual que existe a vergoña allea, tamén existe o orgullo alleo, aínda que parece que nos custe máis exhibilo). Chámase Rogelio Santos Queiruga, é patrón de pesca de Porto do Son, e leva un tempo dando a través das redes valiosas demostracións do traballo dos pescadores de baixura galegos. Non só de como pescan ou marisquean, senón sobre todo dos esforzos e da vocación de moitos deles por preservar o medio natural do que se sustentan.
Desde a súa lancha, Rogelio amósanos, co móbil gravando nunha man, como guinda ao mar un bogavante que está en veda ou que non dá a talla. Así día tras día, rexeitando aquel peixe ou marisco que non pode ser collido e respectando as medidas decretadas pola Administración para asegurar a sustentabilidade dese agasallo que é o noso mar.
Pero máis alá dunha imposición legal, sobre todo o que vemos en Rogelio Santos é un posicionamento ético. Ao guindar eses peixes, dános unha gran lección sobre os límites da ambición e da cobiza, e de que traballamos non só para nós, senón para compartir co resto.
Rogelio Santos Queiruga é hoxe por hoxe é un importante fenómeno social, pero fainos pensar nalgo importante: que poucas veces podemos escoitar aos produtores falar por si mesmos. Sempre falan por eles intermediarios: profesores universitarios, cociñeiros, expertos de todo tipo.
Está moi ben sumar moitas veces, pero igual que nos gusta o peixe auténtico, canto nos presta unha voz auténtica como a de Rogelio.