Patrocinado porPatrocinado por

Isabel Pérez, a valentía dunha das últimas «tolas do Sarrido»

Rosa Estévez
r. estévez CAMBADOS / LA VOZ

SOMOS MAR

VITOR MEJUTO

Nun momento de incertezas, tivo o valor, e a forza, para coller o timón do marisqueo cambadés e de convertelo nun referente en toda Galicia

12 jun 2026 . Actualizado a las 20:49 h.

A finais do século pasado, en Cambados falábase a cotío das «tolas do Sarrido», un grupo de mulleres que defenderon de todo tipo de depredadores humanos ese banco marisqueiro que ten demostrado, co tempo, ser un tesouro de valor incalculable. Entre aquelas mulleres bravas, que calzaban botas de auga e levaban a chaqueta atada á cintura, medrou Isabel Pérez. Herdeira daquelas loitadoras, a ela tocoulle afrontar outro reto: pilotar a conversión dun sector desorganizado e caótico, no exemplo de organización e traballo que aínda hoxe segue a ser a agrupación de a pé de Cambados.

O parto non foi fácil. De feito, a agrupación cambadesa foi das últimas en tomar forma na costa galega. As mulleres resistíanse a unha nova forma de facer as cousas. Así o recordaba, hai un tempo, Victoria Oubiña, quen durante moitos anos foi a súa man dereita. «Ao principio había moita xente que non entendía as normas novas. Sempre fixeran as cousas á súa maneira e non querían facelas doutro xeito». E entre esa xente e a Xunta, Isabel Pérez, «a muller máis valente que coñezo», dicía Victoria. E non é a única que utiliza esa palabra para definir a Isabel. Traballadoras da confraría de Cambados falan dela con auténtico agarimo e con reverente respecto.

Aqueles primeiros anos tentando organizar o sector do marisqueo a pé foron tremendamente duros. Isabel, como as súas colaboradoras, recibía insultos nas asembleas, cando transmitía as ordes da Xunta. Recibía insultos na rúa, cando se cruzaba con alguén que non acababa de entender o futuro que ela vía tan claro. Mesmo recibía insultos pola noite, na casa, a través do teléfono. E en pintadas e panfletos que cada pouco circulaban polo pobo. Pero Isabel e as outras «todas do Sarrido» daqueles últimos anos do século XX, non se deixaron amedrentar. En xogo estaba o seu futuro e a posibilidade de recuperar un mar que daquela estaba completamente esquilmado.

Os primeiros compases da agrupación foron duros: non se sacaba nin para pagar o seguro. Pero o empeño de Isabel e das súas máis estreitas colaboradoras comezou a surtir efecto, pouco a pouco, e pouco a pouco todas as mulleres foron abrazando o proxecto de converter unha actividade marxinal nun oficio.

Conseguírono. Vaia se o conseguiron. Victoria recorda o abrazo que lle deu Isabel cando, un día, á volta da seca, lles comunicaron que os ingresos medios das mariscadoras aquel mes fóra de mil euros. Aquel foi o seu particular Día da Vitoria.

A agrupación de marisqueo a pé de Cambados, a que tanto tardara en nacer, converteuse rapidamente nun exemplo a seguir en toda Galicia. Isabel foi fonte de inspiración de moitas outras mulleres da costa galega. Daba charlas en confrarías, participaba en encontros organizados pola Xunta, debatía cos científicos en citas tan prestixiosas como o Foro Acui... E sempre o facía dende o respecto, dende a humildade e, por suposto, dende esa valentía sen a cal non podería ter resistido todo o que resistiu.

Isabel xubilou no ano 2014. Logo, unha enfermidade chegou para convivir con ela. Aquela «tola do Sarrido», a que afortunadamente se lle recoñeceron os seus méritos en vida —recibiu varios premios no seu Cambados—, finou este xoves. O seu legado ficará con nós mentres o marisqueo siga vivo.