África Albertí é catalá, afincada en Carballo, e comezou a practicar este deporte polos seus fillos. É orientadora educativa e compite, con gran éxito, en salvamento e socorrismo da man do club carballés Sysca
20 jun 2024 . Actualizado a las 09:29 h.O galego case perfecto de África non delata a súa procedencia ou o feito de que leve tan só quince anos en Galicia. Catalá de orixe, chegou a Carballo polo seu marido, convencida por unha mellor calidade de vida e decidida a estudar o idioma para integrarse mellor nunha localidade que enseguida se converteu en fogar.
Psicóloga de profesión, comezou especializándose en psicoloxía do deporte acompañando a profesionais de alto nivel. «O obxectivo era preparar o plan de competición, para que a capacidade mental desa persoa estivese no punto óptimo e que no momento no que tivese que expoñer todo o traballo feito durante meses estivese nun certo nivel de activación», comenta. Estar centrados, conscientes e o máis calmados que fose posible ante un dos momentos, seguramente, máis relevantes das súas carreiras.
Deixouno coincidindo coas Olimpíadas de Río. E non recorde a fecha porque, como persoa vinculada ao deporte, contabilice os anos de catro en catro e de olimpíada en olimpíada, senón porque os últimos profesionais cos que traballou estaban a prepararse, precisamente, para esa edición dos xogos.
Do deporte pasou ao ensino, e dende hai uns anos é orientadora educativa nun posto que a obriga a coller canto menos dous voos semanais. Funcionaria, está destinada en Cataluña e alí pasa varios días á semana. Tan só tres, polo momento, xa que lle foi aprobada unha redución de xornada por ter un fillo menor de catorce anos. Para cando alcance esa idade, África confía en poder concursar para obter praza un chisco máis preto da casa, xa que voltar a Barcelona é unha idea que non está sobre a mesa. «Adoito dicir que sempre me sentín un pouco guiri, xa que hai un punto no que quizais non consigo adaptarme, sobre todo a nivel comunicativo, pero non me importa. Encántame Carballo, Bergantiños, Galicia. Isto é un paraíso e estamos súper a gusto. Cada semana [cando retorna a Cataluña] confirmo que vivo onde quero vivir», explica a psicóloga.
Malia que os seus intereses profesionais viraron cara o ensino, África non chegou a deixar completamente de lado o deporte, e de feito vén de gañar varias medallas no último campionato galego máster de salvamento e socorrismo, celebrado hai escasos días en Laxe. A historia de como se iniciou nesta disciplina é canto menos singular: «O meu fillo maior leva doce anos no Sysca, e o pequeno, algo menos. A forza de acompañalos e flipar con este deporte, que ademais é moi inclusivo e ten variedade de probas para todo o mundo, animeime a apuntarme cun grupo de pais. A estas alturas somos oito mulleres e creo que sete ou oito homes [en máster], e hai xente que se quere apuntar», explica a catalá afincada en Carballo.
Só tres anos competindo
Di que lle gusta o significado que ten esta disciplina —o feito de salvar, de rescatar— pero tamén agradece o feito de que lle axudase a superar unha vella fobia. «Tiña moito medo a nadar no mar, pero pouco a pouco funo superando. Supoño que as ferramentas psicolóxicas tíñaas [ri], pero axudoume moito o grupo, empurrándome e animándome», recorda África, quen agora goza de mergullarse en zonas como Balarés, Razo ou Laxe, onde este fin de semana fixo varios podios no campionato galego. Tampouco lle foi nada mal no estatal, con dous ouros, un bronce e algún cuarto e quinto posto. E iso que este é apenas o terceiro ano que compite! «Xa non é que nunca sexa tarde para comezar, é que a canto maior idade, máis necesaria é a actividade física. E tamén nos serve, por que non, para que os adultos busquemos un obxectivo propio e saquemos o foco do traballo e da familia», reflexiona esta orientadora educativa, que tamén practica capoeira. O seu home e fillos, así mesmo, son afeccionados ao surf.
«Dende que nacen os fillos, aparece a culpa. As nais sentímonos moi xulgadas»
África, do 1974, estreouse na maternidade aos 34 anos para logo repetir aos 37. Segundo os estándares sociais, podería semellar unha nai tardía, máis ese non foi nunca o seu sentir, como xa ten dito á Voz no seu momento. Fíxoo cando fundou, xunto con outras nais, a asociación A Beira dos Miúdos, unha entidade «para o acompañamento da maternidade, crianza e educación respectuosa». Xa extinta, esa entidade funcionaba como un grupo de apoio no que se poñían en común dúbidas, impresións, pensamentos...
«Moitas veces, o que faciamos era sacar a culpa que temos dentro e compartir as dificultades que atravesábamos, por exemplo, cando a lactancia non saía ben, cando había dor, cando os pediatras apertaban porque non era suficiente... Dende que nacen os fillos aparece a culpa dunha maneira que desborda: todo o mundo opina, todo o mundo di, e as nais sentímonos moi xulgadas», lamenta África, que di que ás veces un dos mellores consellos que se poden ofrecer é o silencio: «Temos dúas orellas e unha boca, así que deberíamos escoitar o dobre do que falamos, e ás veces o que necesitamos é iso, precisamente, que nos escoiten sen xulgar», asevera.
Unha vez os seus fillos, e os das súas compañeiras, se foron facendo maiores, sentiron que era momento de deixar a entidade, mais non atoparon a ninguén que se puxese á fronte para darlle continuidade. «Quizais o que precisaríamos agora é un grupo de apoio para a adolescencia», bromea. De feito, desexaría que aos seus, de 15 e 13, lles puidese un pouco máis o orgullo que a vergoña á hora de animala nos campionatos nos que participa. Mais, como sempre, tempo ao tempo.