Patrocinado porPatrocinado por

Un «terminator» chamado Comisión de Pesca

Torcuato Teixeira SECRETARIO DA FUNDACIÓN FREMSS

SOMOS MAR

GUSTAVO RIVAS

Non hai tregua para a Comisión de Pesca da UE. A guerra emprendida contra o sector pesqueiro europeo vai envolvendo á cada vez mais minguada frota europea para deixala reducida á mínima expresión.

Á xa clásica teima destes burócratas, tan ben sincronizados con algunhas oenexés medioambientalistas para extinguir ao arrastre de augas da UE, engadimos normas de control draconianas, cotas de pesca de costas ao coñecemento que aportan aos pescadores, deixamento de funcións para defender a pesca europea a nivel internacional -sobre todo se a quen temos que tirar das orellas é ós amigos noruegueses-, establecemento de areas mariñas protexidas a esgallo, plans de acoutamento á actividade pesqueira en presuntos fondos vulnerables, propostas de expulsión de pescadores de caladoiros ou de peches de amplas zonas para protexer aos golfiños desa presunta gran ameaza que representan os pescadores... E todo iso aderezado coa posta de perfil deste insignes defensores dos ecosistemas mariños cando se trata de falar das renovábeis mariñas, da minería de augas profundas, da contaminación dos nosos mares procedentes das diferentes industrias que están deixando os nosos mares sen osíxeno e cheos de grandes cantidades de plásticos e outros residuos que están matando os nosos ecosistemas sen remisión. E un largo etcétera agresións que sofren os nosos mares non precisamente dos pescadores.

Este terminator non ten piedade. De nada serve que a pesca contribúa a diferentes obxectivos de desenrolo sostible, como aos que teñen que ver coa saúde e benestar da poboación, coa produción de alimentos e consumos responsables ou que sexa unha das ferramentas vitais para loitar contra o cambio climático como provedor de proteínas sostible pola súa baixa pegada de CO2.

A pesca europea está sentenciada, os poucos rebeldes que resistan, máis tarde ou máis cedo caerán, ofreceráselles un armisticio para que deixen en paz aos peixes e se dediquen ao turismo mariñeiro e a vixiar os polígonos industrias que ocuparán os ricos caladoiros onde antes os pescadores largaban as súas redes e vivían en perfecta harmonía cos ecosistemas.

Pero non todo vai ser negativo. Si, países como Galicia deixarán de ser grandes potencias pesqueiras, múltiples vilas mariñeiras só resucitarán algúns días do ano para o turismo, pero a cambio teremos un gran parque temático en toda a nosa costa con lonxas e portos abandonados do que foi unha gran potencia pesqueira. Poderán os nosos turistas facer inmersión dun glorioso pasado, e estaremos á vangarda na exportación de enerxía renovable mariña para maior gloria das multinacionais enerxéticas e moitas oenexés medioambientalistas, que por fin verán o seu soño cumprido de deixar ós nosos mares libres de pescadores. Amén.