Anxo Soto: «Cando me dixeron que non ía poder pescar collín un desgusto grande»
SOMOS MAR
O neno de As Somozas conseguíu reunir 208 firmas para que se lle permita lanzar a cana no porto de Cariño
09 sep 2021 . Actualizado a las 04:45 h.Empecei indo ao río ás troitas con meu avó; un día fomos a un pantano e despois ao mar, a Cariño, e o ano pasado empezamos cos calamares... O mar encantoume, cada vez iamos máis, a meu pai empezoulle a gustar e, dende o verán pasado, como xa entendemos algo máis, xa nos amañamos sós», relata Anxo Soto Díaz (As Somozas, 12 anos). Ensináronlle a pescar o seu avó e tamén os afeccionados de todas as idades que se xuntaban no porto de Cariño. «Non é fácil, tes que aprender bastante, e non é o mesmo coller un chipirón pequeno que un calamar grande... Fun aprendendo, un dicíame ponlle un plomo máis, outro que movera doutro xeito...», explica, agradecido a «todos os mestres» da caña.
O problema xurdiu a raíz da resolución publicada pola Xunta en xullo, que limita as zonas nas que se pode pescar nos portos autonómicos, entre eles o de Cariño. É certo que, segundo a normativa en vigor dende 1972, a actividade recreativa estaba prohibida neses peiraos, pero esa disposición non se aplicaba de xeito estrito.
«Cando me dixeron que non ía poder pescar collín un desgusto grande», recoñece. Tanto, que non quixo quedar coas mans no peto e decidiu saír recoller sinaturas, entre os veciños e os pais dos seus amigos. Acadou 208, que entregou en Cariño, para tentar que Portos dea marcha atrás e permita compaxinar a pesca recreativa coa profesional e o resto da actividade portuaria.
«Xogo ao rugbi [no club Fendetestas, de As Pontes] e vou a natación, pero a pesca gústame moito, saír da piscina, collerme meu pai, abrigarnos e ir para Cariño... Moitas veces collemos os bocadillos nun bar e botamos alí ata as dúas e media ou as tres da mañá», comenta. Esta é a afección preferida deste futuro veterinario. «Téñoo moi decidido, gústanme moitísimo os animais, meus avós teñen galiñas, can, cabras... e eu tiven dez galiñas de seis ou sete razas distintas», sinala, a poucos días de comezar o curso (primeiro da ESO) no IES Moncho Valcarce, en As Pontes.
Nas vacacións e nas fins de semana poucas cousas lle apetecen máis que coller a caña e ir pescar, e o seu irmán, de cinco anos, «xa ten unha caña». «En Cariño nunca sentín que molestara a ninguén, ando polo porto, falo coa xente... Gústame pola tranquilidade, e cando pillas un peixe grande... aínda que ás veces botas varias horas e non pica nada», engade. Algunha vez acompáñano uns amigos de Narón que pasan o verán en As Somozas. E que pescas? «De todo, unha vez collín un choco, calamares, xurelos, xardas, corbelos...». Confía en que Portos atenda as súas demandas e lles permita volver coa caña ao peirao de Cariño.