Patrocinado porPatrocinado por

«O mexillón que non está certificado non ten DOP, pero galego é»

e. abuín REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

Martina Miser

O seu reto máis inmediato é acadar o selo de sostibilidade para o produto

21 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Temperamental como é, Lina Solla, a única muller que ata agora había no pleno do Consello Regulador do Mexillón de Galicia, marchou facendo espaventos por un encontrón que tivo con un dos seus membros. Precisamente co mesmo que hai uns meses a foi convencer para que encabezase unha candidatura de consenso de todo o sector e tomase as rendas. Non quería, pero acabou aceptando. Ese foi o xerme do que xa é un mandato histórico: o primeiro pleno presidido por unha muller -e no que se sentan agora outras dúas máis-, o primeiro dirixido por alguén alleo á produción e o primeiro que nace dunha unanimidade inédita na ámbito mexilloeiro.

-Esa concordia vai ser duradeira ou volverán as leas?

-Non vai haber lea ningunha, pero si moito traballo. O anterior presidente fixo moitas cousas e moi ben e agora toca seguir o traballo.

-Pois o sector da depuración non era o máis defensor do Consello... -Todo o mundo está a favor do Consello, o que pasa é que cada un o quere á súa maneira e non pode ser. Hai que traballar polo ben de todos, porque así nos irá ben a todos.

-E en que se vai traducir ese traballar polo ben de todos?

-En agosto, o mexillón que se sacou das bateas non se puido certificar por falta da calidade esixida. Vale que ese produto non poda levar o selo da denominación de orixe protexida (DOP), pero galego é. Hai que resolver ese problema. Hai que buscar unha forma de denominalo para poder facer valer a orixe de todo o mexillón que se cultiva nas rías, cumpra os parámetros ou non. Chámalle como queiras, dálle outro nome, pero galego é, e calidade ten. Ao mellor hai que dar un paso cara á excelencia da DOP.

-E como se pode resolver, se só pode levar a alusión a Galicia o mexillón con DOP? Iso non choca co que se buscaba?

-Haberá que buscar a fórmula, convocar un concurso de ideas ou facer o que sexa, porque o mexillón non certificado tamén hai que vendelo, porque ten calidade. Non todo o mundo ten a sorte de ter unha batea situada na mellor zona da ría.

-E iso non vai levantar bochas no Consello?

-Considérome unha muller xusta, creo no xusto e vouno defender sempre. No consello hai moitos produtores, moitas empresas, cada un ten un tipo de produto e todos necesitan solucións. Temos que chegar a solucións que sexan boas para todos.

-Vai facer campaña para captar socios para o Consello?

-Máis que campaña vou falar con todo o mundo. Explicarlles por que é mellor estar no Consello que non estar. Escoitar o que din e propor melloras.

-En que situación está o sector mexilloeiro?

-Evolucionou moitísimo e máis que ten que evolucionar. Hai que pensar máis en profundidade na calidade do produto e tamén premiala. Hai que producir mellor, non máis. Se pode ser máis é mellor, perfecto, pero sobre todo pensar na calidade. É preferible esperar un pouco e ter mellor produto. Entendo que a xente, ás veces, non quere exporse a que veña un temporal e llo tire todo, pero ninguén recolle o cultivo antes de tempo, hai que esperar ao momento no que está óptimo. Non hai que ser egoístas e dicir agora tócame a min vender, hai que esperar que mereza a pena vender, non cando o bivalvo estea fraco. E recompensar esa espera, por suposto. Valorar ese traballo.

-Ademais de velar pola calidade, que traballo ten por diante?

-Acadar o selo MSC, que certifica a sostibilidade, e que se empezou a xestionar a primeiros de este ano. É unha característica que o Mexillón de Galicia xa ten de serie, pero é importante para competir co produto e posicionalo en Europa.

-E aquí? Non habería que posicionalo en Galicia?

-Tamén. Teño un irmán que alá onde vai pide mexillóns para comer e onde menos os atopa é nas cartas galegas. Póñencho de tapa, acompañando á consumición, pero non está na carta. Non se valora o suficiente. Quizá porque antes o mexilloeiros, que sempre foron xenerosos, regalaban así como así sacos de dez quilos de mexillón aos veciños e aos amigos. E quen non ten un amigo bateeiro? Iso está cambiando e se empeza a valorar o produto.

Un equipo que se constituíu o mesmo día do aniversario do Prestige

Para Lina Solla é moi bo augurio que o pleno do Consello se constituíse por consenso o mesmo día do 18 aniversario do desastre do Prestige. A empresaria confía en que esa unidade e espírito de colaboración que espertou en todo o sector a marea negra do petroleiro se reproduza agora en Mexillón de Galicia. «Foi incrible. Todos unidos ante o que viña. Cada un prestando todo o que tiña para loitar. Todos a unha... Iso é o que me gustaría para o Consello».

-Un Consello cheo de novatos

-Pois si. So repetimos eu, que me saíra do pleno anterior, e Fran [Alcalde, o xa expresidente de Mexillón de Galicia]. O resto son todos novos. Pero, bueno, temos a Fran con nós, que é o vicepresidente primeiro, e é un pleno estupendo. Hai ademais outras dúas rapazas, tamén de carácter, e vai a ser un mandato moi bo. Van a saír moitas cousas. Xa dixen que creo no xusto e vouno defender sempre. Sempre fun así e non me foi mal na vida.

-Será tamén por ese carácter?

-Si, son moi impetuosa, pero a partir de agora terei que contar ata tres antes de actuar.

-Cal é o reto?

-Facer que o selo de Mexillón de Galicia chegue a todos os lados. Ese é o salto base. O produto con DOP está ben implantado nos supermercados, na gran distribución, pero non en todos os sitios. A min dóeme ver mexillón do Delta ou de Valencia a 8 euros o quilo, que non son para nada como os de aquí, mentres o noso custa por debaixo da metade. Hai mil cousas por facer. Temos que conseguir darlle valor engadido e ten que quedar aquí. Ademais é fácil, porque o mexillón vale para todo, para saír do paso e tamén para a alta cociña. Para todo.