Estrafalarismos

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

AGRICULTURA

Cada vez somos máis os consumidores que demandamos produtos ecolóxicos e cada vez son máis os produtores que entenden esa mensaxe. A cuestión nestes intres está en coñecer a resposta dos poderes públicos diante deste complexo problema por non haber atallado a deriva á que, inexorablemente, tiña que levar algo tan sinxelo de entender como son a ambición, a avaricia e moitos outros desexos agochados nas zonas máis escuras da condición humana cando non existen os controis axeitados nin a disciplina que corresponde a este tipo de comportamentos.

Na Xunta, como nas demais comunidades autónomas, existe o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia -Creaga-, pero, como en tódalas comunidades, resulta ser pouco eficiente, sendo a iniciativa privada a que está suplantando certas competencias que corresponden ás Administracións como son a vixilancia e control dos alimentos polos posibles riscos para a saúde, tal como establece a lei xeral de sanidade 14/1986. Para mostra dicir que o Creaga foi constituído en maio de 1997 -once anos despois da lei- e, como digo, por iniciativa privada.

Este verán, despois de certas pescudas en Boiro e Porto do Son, puiden comprobar que os criterios para practicar a agro-alimentación ecolóxica pouco teñen que ver co que sempre se facía naqueles tempos nos que se cultivaba como Deus manda. ¿Coñece alguén o uso da sal potásica ou da rocha fosfórica como abono? ¿E da soia como substituto do millo? O que precisa o agro galego non son inventos foráneos, senón ilusionar a moita xente nova que quere pero non pode ou non sabe.