«É o bicho que se che mete»

MAR GIL OURENSE / LA VOZ

AGRICULTURA

Santi M. Amil

Dende Augas Santas, os Tesouro manteñen o oficio de ferreiro

13 may 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

O pai é Antonio Cid Tesouro e ten 58 anos. Montou o seu primeiro negocio en Augas Santas e despois trasladouse a Allariz.

O fillo, Adamo, ten 32 anos.

Ferreiros.

Na suxerente aldea de Santa Mariña de Augas Santas aínda respira a forxa do Francisco. Alí aprenderon a martillar os irmáns Antonio e Andrés Cid Tesouro e alí descubriu Adamo, o fillo de Antonio, que o morto que respiraba nunha caixa enorme chamada fol non era máis ca un conto do avó para que non enredase pola forxa.

Francisco xa forma parte da historia: da de Augas Santas e da dos oficios cuasi perdidos nas raizames dunha sociedade que deixou de respirar, coma o morto do fol, hai tempo.

Cando Antonio regresou da emigración decidiu que aquel respirar mítico e aquel golpeteo simbólico tiñan que continuar. E montou un negocio na casa familiar. Formouse coma cerralleiro industrial, contratou ó seu irmán e fixo todo o necesario para que o espíritu do avó e do seu oficio fose o suficientemente atractivo para conquistar á terceira xeración, a do seu fillo Adamo. «É -asegura con enerxía e graza- o bicho que che se mete».

«Eu ía á escola, despois axudaba na casa e, ó final, ía para á forxa, onda o meu pai -revive Antonio-. Realmente, el non vivía do oficio de ferreiro, senón da labranza, porque a cousa era que, polo día, a xente traballaba no campo e, pola noite, ía á forxa preparar a ferramenta. Iso se facía bo; se chovía, botaban todo o día ó conto onda o ferreiro».

Alí aprenderon el e Andrés a manexar o fol: «Era o que máis faciamos, pero tamén martillei e, máis tarde, fun aprender o oficio de ceralleiro industrial. Eu son ferreiro porque son ferreiro pero aprendín o outro tamén. Andrés, igual. A emigración rompeunos o tema pero, ó vir do estranxeiro, montei taller en Santa Mariña».

Cos anos e o crecemento de Allariz, trasladou ó parque industrial de Chorente un negocio que, aínda que medrou, segue sendo familiar e segue gardando, coma un tesouro, o arrecendo dos vellos oficios».

Non pode ser doutra maneira porque a memoria do avó segue viva tamén en Adamo: «Dende moi pequeniño, ó vir do colexio, ía ver ó avó martillar. Para que non lle fozara nas cousas il dicíame que o fol, que era moi grande e tiña forma de ataúde, tiña un morto dentro que respiraba ó movelo».

Adamo inclinouse inicialmente pola electrónica, pero o paso pola escola obradoiro de Allariz decidiuno pola forxa.

Preparar as ferramentas, coma o avó, non ten lugar no seu negocio actual, pero si que mesturan o traballo máis impersoal para a construción e a industria coa creación artística: «O noso oficio é moi bo porque sempre estás facendo cousas distintas, unha porta, unha nave, unha pequena escultura... Eu, se tivese que estar nunha fábrica facendo pezas todas iguais, non aguantaría».

Antonio, o pai, pon o contrapunto: «Este oficio é suxo, un pouco bruto, é malo para a vista e os oídos...». Pero ó punto emociónase coas figuras de gaiteiro deseñadas polo seu fillo usando roscas, coa armadura medieval feita para un entroido e coa forxa móbil coa que cada ano, na procesión medieval da Festa do Boi, presumen de ferreiros. Porque no teatro, coma na vida, Antonio e Adamo son ferreiros.