Afirma que en Galicia se está a vivir unha boa etapa e que cada vez son máis as iniciativas que se levan a cabo
03 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.O instituto Alfredo Brañas de Carballo acolle dende o luns, e ata hoxe, unha serie de actividades relacionadas co comercio xusto para os rapaces de primeiro e segundo de bacharelato e ciclo medio de comercio. Ofrécense durante as horas de relixión, en boa medida, cuxo profesor xestionou a súa realización. Encárgase de ofrecelas Olalla Iglesias Sánchez-Biezma, da entidade Panxea. As súas actividades e conferencias rematarán hoxe, pero tamén hai unha exposición que, posiblemente, quede no centro ata o venres. -¿Que se lle estivo ofrecendo estes días aos rapaces de Carballo? -Trátase de amosarlles que é o comercio xusto. Levamos unha exposición con varios paneis, doce, nos que se abordan cuestións como a dun mundo solidario e onde se ve tamén un enfoque de xénero, o papel da muller en todas esas cuestións. Trátanse tamén as relacións internacionais, os aspectos negativos que pode haber e outros aspectos como o consumo responsable, o irresponsable, a globalización... -¿Sorpréndelles? -Hai de todo. Este é un tema no que aínda queda por afondar moitísimo e que aínda non se sabe definir moi ben. Trátase de que vexan o comercio xusto como unha pequena alternativa dentro do consumo responsable. Os rapaces participan e a min gústanme que me poñan peros, ver o espertar da súa conciencia. -¿E que peros soen poñer os alumnos? -Pois din que os produtos do comercio xusto son un pouco máis caros e que eles tampouco poden cambiar o mundo nin a súa realidade. Facemos un exercicio no que elaboran unha serie de propostas nese sentido, a nivel individual, colectivo e político. Moitos din que aínda non teñen 18 anos e por tanto non poden votar. Non caen en que, por exemplo, dende o instituto o que si se pode facer é reclamar máis contedores. -¿Ese posible maior prezo supón unha traba? -O prezo non debería condicionar, porque un produto de comercio xusto ten maior calidade, a nivel social, ecolóxico e medioambiental. -¿Que actividades desenvolve Panxea? -Dende o 1995 no que se creou, é unha asociación que traballa polo comercio xusto, fundamentalmente a través dunha tenda e de actividade de sensibilización. Traballamos tamén, ademais de cos rapaces, en centro sociais, concellos ou feiras. Dende o 6 de febreiro temos tamén a Cooperativa de Consumo Panxea, que aborda a agricultura ecolóxica. -¿Medrou a conciencia? -A xente sóalle máis o que é o comercio xusto, pero eu sempre digo que queda moito por facer. Aínda así, estamos nunha boa etapa en Galicia, está habendo un auxe de iniciativas.
