«Cométense moitos erros por non coñecer a microhistoria»

AGRICULTURA

? historiador Xosé Luis Sobrado Pérez é o autor dun libro que recupera a historia dunha parroquia do municipio de Boborás. Albarellos: historias de viño e auga é o título do traballo asinado polo presidente do Centro de Estudios Manuel Chamoso Lamas. -¿Como nace este proxecto?-Xestouse dunha maneira un tanto atípica a como se soen facer estas cousas. En Albarellos creouse unha asociación formada por rapaces do pobo con inquietudes dispostos a facer cousas. Polo xeral son universitarios que están estudiando en Lugo, Vigo ou Santiago e que organizan actividades e poñen en marcha proxectos a favor da parroquia. Contactaron comigo e propuxéronme facer un traballo para recuperar a historia da parroquia para que todo o mundo tivese coñecemento dela e que non se perdese.-¿Foi doado o traballo?-A verdade é que se recuperou bastante documentación e faise na obra un percorrido desde a Idade Media ata hoxe. Os primeiros datos remóntanse ó ano 1.085, cando estas terras dependían do Mosteiro de Celanova.-¿E o título?-A historia de Albarellos estivo marcada por dous fenómenos: o viño e a auga. A viticultura foi, de sempre, o elemento definidor da parroquia -enclavada na D.O. Ribeiro-. A construcción do encoro foi a outra clave: as mellores terras do val adicadas á viticultura foron anegadas e a xente viuse condeada á emigración porque era unha parroquia moi poboada. -¿Teñen difusión os traballos de microhistoria?-A microhistoria é de vital importancia mais non hai quen a faga. É moi traballoso e está escasamente recoñecida. Agora empeza a estar en auxe. De feito cométense moitos erros por non coñecer a microhistoria. Hai grandes teorías que logo se desmontan, por non ter unha base sólida, gracias ós datos que aporta a historia local.