¡NON VAI ARDER! O extrano sería que non ardese. Só se libra cando chove e cando se coida. Nas últimas décadas fixéronse ducias de estudios sobre os incendios forestais, apuntáronse moreas de causas dos lumes. Todas son válidas e ningunha é excluinte. Arde por combustión espontánea, por intereses gandeiros, por intereses especulativos dos que queren madeira barata ou procuran solares, tamén por queimas ocasionais, chamadas incontroladas. Reparemos nestas últimas. Todos os anos abundan as noticias de supostos pirómanos septuaxenarios e octoxenarios, algúns mesmo morren no intento ¿Ninguén se pregunta que fan eses homes? Se o comprendéramos teríamos unha información preciosa. Pode que fagan o que fixeron sempre, o que agora xa non fai ninguén. Rozan as silvas e queiman a broza para que o agro non se faga bouza, para que o monte non chegue ás casas. Pero xa non están en idade e perderon o xeito. Son os antigos constructores da paisaxe enfrontando unha anormalidade histórica. O monte en Galicia nunca tivo tantas árbores, era un espacio vital para a agricultura tradicional á que aportaba toxo e outros materiais para a fertilización orgánica, pastos, leñas. Convertiuse en bosque nos últimos sesenta anos, froito de políticas de repoboación e da desagrarización. Os novos montes cheos de árbores son muitas veces a expresión do abandono agrario: alí onde vellos pastos, veigas e prados de regadío plantáronse de árbores. Plantouse para abandonalo non para atendelo. O monte cerca as casas e vai colonizando as leiras a bravo. Pode que a primeira imprudencia sexa facilitar que todo o espazo agrario se convirta en espazo forestal. É como se o millón de vacas andiveran ceibas polo país. ¡Que caos!
