«Nunca nos pasou ter que plantar os pementos tan tarde»

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

AGRICULTURA

UXÍA LÓPEZ

A firma de Herbón Evangelina y Gómez leva un mes de retraso nesta tarefa

17 feb 2026 . Actualizado a las 10:53 h.

Un mes é o retraso que acumula sen plantar o cultivo de pementos de Herbón no caso da firma Evangelina y Gómez, que rexenta o matrimonio formado por José Antonio Martínez Vecino e María del Pilar Gómez Méndez, veciños da parroquia de Padrón. Coma eles, o resto dos produtores están nunha situación similar debido á humidade que teñen os terreos a cuberto (invernadoiros) e, por suposto, ao aire libre, moitos deles cheos de auga.

«Imos cun mes de retraso e en febreiro non hai trazas de plantar. Enterrámonos ata as orellas nun dos invernadoiros», contou onte Antonio Martínez quen, no caso da súa firma familiar, non lembra unha situación coma a deste ano. «Nunca nos pasou ter que plantar tan tarde e aínda se tardará porque hai moita humidade de Deus e mesmo nace a auga de baixo para arriba nalgún invernadoiro», asegura o produtor de Herbón.

Antonio Martínez engade que mesmo ten sen facer os semilleiros de plantas para os cultivos ao aire libre, a causa de tanta choiva e tanta auga e humidade nos terreos. «Eu non teño ningún feito e, coma min, máis produtores», sinala.

No caso do invernadoiro no que se enterra debido a que nace a auga nel, explica que ten plantadas unhas 4.000 cabezas de leituga, parte das que terá que descartar debido a que podrecen. «Están podrecendo todas», explica o veciño de Herbón quen recoñece que xa perderon a plantación de leitugas doutro invernadoiro e tamén está pasando o mesmo co repolo cultivado ao aire libre. «Tiñamos que empezar a cortalo nunha semana e está podrecendo», lamenta Antonio Martínez.

O produtor de Herbón explica que teñen que entrar polo lateral no invernadoiro que teñen encharcado, para poder chegar as leitugas do fondo xa que pola porta «quedamos enterrados. Nin con raquetas nos pés damos entrado», conta o veciño, quen se teme que terá que agardar un mes ou algo máis para poder plantar nesa instalación a cuberto, se o tempo mellora moito, asegura. Tempo que será moito maior no exterior xa que, sinala, «mira como están as leiras de fóra, cando dan secado para plantar?», pregúntase o veciño.

«Depende de como veña o tempo, se hai vento de norte ou non pero, en principio, non chegan dúas semanas para que seque a terra o suficiente para plantar nos invernadoiros», estima Antonio Martínez. A súa firma ten outro invernadoiro con leituga, máis pequena, pero que tamén acusa a humidade polo que o produtor conta que «hai que esperar a plantar o pemento porque, se o fas, vai morrer todo ao empezar podrecer polo tallo».