Agro Vilanoviña: a tenda agrícola que cambia de solo para medrar co abono dun millón de euros
AGRICULTURA
O negocio de Meis completa o seu investimento para dispoñer dunha nave propia e máis moderna a só 50 metros de onde estaba, e a carón do súper dos seus propietarios. Busca tres traballadores para acabar de duplicar o seu cadro de persoal
04 feb 2026 . Actualizado a las 15:01 h.O último venres do mes de xaneiro veu acompañado dunha desas noticias que tanto fan por contribuír a manter viva a actividade agraria e, con ela, a ocupación no rural galego. Na parroquia de Paradela (Meis), os propietarios de Agro Vilanoviña, Manuel Castro e María Jesús Diz, abrían as portas da nova nave dunha das tendas de produtos agrícolas de referencia na comarca. A tan só 50 metros do seu establecemento orixinal, na estrada de Vilanoviña que vai a Portas, a instalación inaugurada é o froito da aposta dos seus promotores por un proxecto que naceu 15 anos atrás apoiado na boa marcha do supermercado familiar que hoxe opera baixo a marca Merca Más, que hoxe buscan seguir facendo medrar cun investimento dun millón de euros.
«Hai quince anos colleramos unha tenda dun señor que se xubilaba. Estaba case enfronte do noso súper, no que xa vendiamos algún produto para o campo. O local é antigo, e co paso dos anos foise deteriorando, polo que apostamos por dispoñer dunhas instalacións mellores e máis modernas», conta Manuel Castro. Con tal fin, adquiriron un solar no que edificaron a nova nave de Agro Vilanoviña, con 500 metros cadrados cubertos, o dobre dos que dispoñían no seu anterior local, aos que engaden outros 400 en forma de explanada destinada á exposición e venda de árbores de froitas.
Coa ganancia de espazo os titulares da tenda agraria pretenden non só ampliar a súa oferta de produtos, senón e sobre todo, mellorar a experiencia de compra da súa fiel clientela. «No outro local», sinala Manuel Castro, «tiñamos pouco espazo para a exposición, e un mostrador ao fondo ante o que os clientes tiñan que facer cola, tanto se era para pagar algo como se o facían para preguntar por algún produto en concreto ou para asesorarse sobre calquera tratamento»; agora, nas instalacións inauguradas o pasado venres, «todo está en estantes, coas súas correspondentes etiquetas e prezos ben á vista, con corredores nos que podes moverte cun carro para unha compra máis cómoda». E non só iso, remarca Castro, «temos tamén un empregado na zona de fitosanitarios que asesora o cliente que o precisa sen necesidade de que este teña que esperar por alguén que ao mellor atopa diante nunha cola para mercar unha ducia de leitugas».
Aposta con recursos propios
O copropietario de Agro Vilanoviña recorda como hai seis anos a súa muller e mais el apostaron por facer medrar o modesto supermercado que abriran 18 anos antes ampliando o local desde os 70 aos 500 metros cadrados. Naquela primeira grande aposta pola modernización dos seus negocios «inda contaramos con algunha axuda pública». Desta volta, di, «non tivemos ningunha, todo foi a base de moito traballo» e tirando de recursos propios e de financiamento buscado por Castro e Diz para comprar o terreo e construír a nova nave de Agro Vilanoviña. Un deses negocios indispensables para manter o latexo de concellos rurais coma o de Meis. A presenza da súa alcaldesa, Marta Giráldez, na inauguración, deu fe.
Busca outros tres traballadores para duplicar persoal, co relevo xeracional en camiño
Noutro paralelismo entre a evolución do supermercado e da tenda agrícola familiares, Manuel Castro sinala a pretensión de duplicar o cadro de persoal desta última. Se no caso do actual Merca Más se pasou dos catro empregados que traballaban nos 70 metros cadrados do local primixenio aos 14 que o fan nos 500 das súas actuais instalacións, en Agro Vilanoviña precisaráse en breve de catro persoas máis que sumar ás catro que se ocupaban do negocio no seu anterior emprazamento.
«A unha xa a teño apalabrada. Ten formación en forestais e encargaráse de facer asesoramento sobre árbores de froitas», sinala Manuel Castro, para engadir que «precisamos tres persoas máis, un técnico agrícola e dous mozos de almacén».
O esforzo, a dedicación e a aposta económica da saga Castro-Diz conta cunha case certeza non tan frecuente como sería desexable á hora de garantir a continuidade dos negocios familiares. Rubén, o maior dos dous fillos do matrimonio propietario de Agro Vilanoviña e do supermercado Merca Más en Meis, semella ter no seu horizonte profesional coller o testemuño dos seus pais: «O tema do campo gústalle ben, e estáse formando para iso», sinala Manuel Castro. Co título de grao medio de Xardinaría e florería, Rubén cursa agora un segundo ciclo agrícola de Formación Profesional, o de Vitivinicultura, «e está sopesando facer tamén algo de forestais», di o emprendedor meisino.
Sementada a continuidade xeracional, no fogar dos Castro-Diz agardan que o transplante do solo de Agro Vilanoviña faga medrar con máis forza a segunda árbore que sustenta a familia, mantendo as súas raíces ben firmes no mesmo lugar na que naceu.
