Patrocinado porPatrocinado por

Cando volvamos á Agropolis

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

AGRICULTURA

13 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Na Extensión Agraria hai anos coñecín a eses peritos castellanos que tiñan chirucas cheas de lama, de ir á aldea á hora que fora, e escoitar as verdades do labrego; «se pagan mal, se o carné para aplicar o sulfato (fitosanitarios), se fulanito rega nas patacas». Mais xa dicían con nostalxia: «Antes non pisabamos moqueta, antes era todo o día dunha casa de labranza a outra; agora, o papeleo da PAC pouco tempo nos deixa«. Era tan necesario un apoio humano -o que agora se chamaría innovación social- coma un apoio técnico. Nesta terra fomos sempre de empuxar fóra da leira aos fillos. Canto ben para a comunidade se daquelas lles contaran as vantaxes dun mercado mundial cun sistema de certificacións internacionais. Hoxe podíamos ter polo menos outra xeración de labregos que non reneguen da súa condición.

Coido que Santiago a cabalo contamina ese orgullo rural, milhomes cazadores. En Galicia quen fixo rural foi a muller; se ten futuro é con ela. Estamos vendo como o noso agro desaparece, xusto cando a nivel mundial a palabra Agropolis comeza a gañar peso. Marc Palahí, director do Instituto Europeo de Bosques, afirma que a grande oportunidade para transformar a economía, pasa por crear biocidades. Tamén o dixo Carlos Taibo, nun presente de petropolis, só o decrecemento é sostible a mil anos.

Eu tamén fun ao enterro do agro galego, e coido que ata elevei o cadaleito, cando deixei a ermo unhas chousas. Podo dicir que a solución ao desenvolvemento rural non pasa polas novas tecnoloxías, nin por facer foros coas empresas que máis datos procesan. O rural é duro, e non o abranda só unha fibra óptica. Voltemos á extensión agraria, voltemos a petar nas portas de madeira e non nos portais electrónicos, axudemos a que se certifiquen, sexa blockchain (presente), ou GlobalGAP (pasado). Cando as labregas se atopan fronte a unha nova fonte de ingresos, as eivas que temos como administración son tales que lle decimos: «para, para, que te metes nun follón». Sexamos quen de cambiar os impedimentos por aquelas medidas que impulsen a bioeconomía do século 21.