Patrocinado porPatrocinado por

Porto do Son tenta rescatar a vella tradición da cestería

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

AGRICULTURA

24 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Non hai moito tempo era habitual ver en boa parte das vivendas de Barbanza, sobre todo naquelas situadas no medio rural, cestos e outros recipientes elaborados con corres e vimbios que se empregaban para un sinfín de tarefas, fundamentalmente almacenar e transportar produtos variados. Pouco a pouco, o plástico foi substituíndo a estes materiais extraídos da natureza e impúxose en forma de bolsas ou barreños. Aproveitando o bum que está a experimentar a artesanía a nivel xeral, o Concello de Porto do Son, a través do departamento de Cultura, decidiu tratar de recuperar a vella tradición da cestería.

O primeiro paso que se deu foi a organización dun obradoiro, que o martes arrancou na casa de cultura de Portosín. Alí, o sonense Francisco Queiruga exerce de mestre para amosarlle a un grupo de veciños as técnicas básica para a elaboración de obxectos de cestería. Na primeira clase, o que fixeron os trece alumnos foi, basicamente, tomar contacto cos vimbios e coas tesoiras, aprendendo a preparar as corres para a posterior realización das distintas pezas.

O obxectivo do mestre é que, unha vez finalizado o obradoiro, os participantes teñan os coñecementos necesarios para facer cestos sinxelos e, a partir de aí, poidan ir evolucionando. O propio Francisco Queiruga empezou neste eido de xeito similar: «Con moi poucos anos, o meu avó aprendeume como se facían os cestos, antes era frecuente atopar con xente que soubese manexar os vimbios, pero agora quedan cada vez menos cesteiros».

Novas técnicas

Precisamente, o obxectivo do Concello de Porto do Son e tamén de Francisco Queiruga é evitar que esta tradición acabe desaparecendo no municipio. Pero o mestre deste curso pretende ir máis lonxe e amosarlle aos seus alumnos as novas técnicas que el introduciu neste sector: «O que fixen foi tratar de mellorar a cestería tradicional, engadindo cores e formas diversas para darlle actualidade a este oficio. Antes buscábase máis a actualidade que a estética, algo que hai que cambiar para que a cestería funcione. Todos estamos afeitos a ver un cesto vello, cargado de patacas, abandonado nun recuncho da casa; pero a min gustaríame que esta imaxe mellorara e evolucionara».

Neste sentido, o veciño de Queiruga comentou que tratará de ilustrar aos seus alumnos sobre estas novas técnicas de cestería, por considerar que os produtos resultantes poden ter máis saída. O mestre cesteiro destacou que, á hora de impartir este obradoiro e tamén de realizar o seu traballo diario, atópase cun problema recorrente, a falla de materia prima: «Eu emprego vimbio da zona, pero hai un abandono total do agro neste eido. Son cada vez menos os veciños que os empregan e case teño que andar quitándoos das fogueiras».

Agora, coa iniciativa que ven de poñer en marcha a Concellería de Cultura de Porto do Son, Francisco Queiruga confía en que a tradición da cestería cobre peso no municipio e a xente se conciencie da necesidade de recuperar este e outros exemplos da artesanía popular que no pasado da zona xogaron un papel destacado, sobre todo no eido agrícola.