Patrocinado porPatrocinado por

Museos

VEIRAS MANTEIGA

AGRICULTURA

DENDE FÓRA | O |

30 mar 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

NON QUIXERA, escribindo este artigo, dicir moitas parvadas, mais facendo un percorrido polos municipios, dende Muros ata Porto do Son, non ollei ningún cartel anunciando un só museo ou calquera cousa que fora semellante. Isto ven a que, se facemos un percorrido polo resto do Estado e, sen ir máis lonxe, por outras comarcas da provincia, sempre atoparemos un letreiro, aínda que sexa perdido, no que nos anuncien alomenos un museíño. Pois aquí ren de ren, o que quere dicir, nada de nada. Vexamos, se ando na procura dun museo da pesca, ¿onde o atopo? ¿E un do mar, da conserva, do coiro, do marisco, dos zapateiros, da industria, da agricultura ou da madeira? ¿E un etnográfico? Pois nada, gracias a que, como tiñamos tantas laudas no campo santo de Noia, e non se sabía onde poñelas, se fixo un. Gracias a quen pensou... pois senón estariamos sen nada. Porque esa é a verdade. Vai sendo hora de que a xente destes pobos esixa algo máis que miradoiros, alamedas e paseos marítimos, porque as vilas tamén se recoñecen por saber gardar a súa cultura. E tamén vai sendo hora de que os concellos axuden ás iniciativas privadas cando queren facer algo, que moitas veces só é unha desculpa de falta de orzamentos, de cartos.