Crónica | Pleno extraordinario do Concello sobre a vía Ourense-Lugo A corporación aprobou unhas alegacións xenéricas á autovía sen rechazar ningún dos trazados posibles. O alcalde asegura que as precisións faránse sobre o proxecto final
24 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.O asunto do trazado da autovía Ourense-Lugo adquiriu onte un cariz institucional en Taboada. O alcalde convocou un pleno extraordinario para consultar a opinión da oposición sobre as alegacións preparadas polo equipo de goberno. Á convocatoria acudiron tamén algúns veciños afectados polos trazados ós que se lles permitiu intervir. A lista de alegacións presentadas polo goberno do Partido Popular esixen o respecto das vivendas, do patrimonio inventariado, do parque empresarial, do trazado da N-540 e da riqueza do medio natural. O PSdG decidiu unirse a todo este respecto a cambio de que se lle engadira un máis, que as reclamacións veciñais foran consideradas polo Ministerio. Conseguíronno e, ó final, o documento alegatorio foi trasladado co acordo unánime da corporación. Cuestións técnicas O Concello de Taboada solicita tamén que o trazado definitivo contemple a construcción de accesos adecuados a tódalas estradas que atravesan o municipio e de vías de servizos para a maquinaria agrícola. O debate sobre a autovía quedou así zanxado de momento. Os socialistas insistiron sen embargo en que o Concello debía de ter contratado asistencia técnica para elaborar as alegacións. O alcalde Xosé Ramos respostou que cando Fomento presente o proxecto definitivo contrataránse os servizos necesarios. O público participa A asistencia técnica será sen ningunha dúbida necesaria tendo en conta que tódalas opcións plantexadas a priori polo Ministerio tiran casas, atravesan o polígono ou destrúen carballeiras centenarias. Ramos Ledo sentenciou nalgún momento do pleno que «por algún lado terá que pasar» pero os que estaban entre o público querían saber máis. ¿Cántos pobos enteiros se tiraron en España para facer unha autovía? ¿O Concello non se opón ó trazado seis? O público facía estas preguntas e argumentaba os seus casos. O alcalde tivo que interrumpir un debate que non estaba previsto e recoñeceu que, a pesar de non rechazar o trazado seis, éste anula a N-540 contra o cal si se manifestan abertamente. De feito, os seus criterios alegatorios opóñense a consecuencias previstas en tódolas opcións presentadas polo Ministerio. De momento, evitan apoiar a úns ou outros e esquivan a polémica que crearía defender calquera dos trazados posibles. Cando chegue o proxecto definitivo de Fomento xa non será tan sinxelo.
