César Resch: «Ábrese un campo para técnicos cunha visión máis global da granxa»

luis garcía, m. r. CARBALLO / LA VOZ

SOMOS AGRO

ANGEL MANSO

O especialista no vacún de leite aborda os retos do sector, que pasan pola «comunicación» e a «formación»

24 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

César Resch Zafra integra o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL). Estivo no programa Voces do Agro, de Radio Voz, para afondar no presente e futuro do sector lácteo galego, a súa especialización.

—A importancia do sector lácteo en Galicia ninguén a cuestiona.

—Temos un sector potente e con vida. A verdade é que ten unha relevancia grande dende o punto de vista social e económico. Acaban de saír as cifras de facturación do ano pasado e son espectaculares debido á suba do prezo do leite pola inflación: entre 1.600 e 1.700 millóns de euros.

—Iso pon de manifesto a importancia que ten no PIB galego.

—Si, pero carecemos de ser máis mediáticos, de darlle visibilidade ao sector. Cando ves a repercusión que ten en comparación con outros, pregúntaste por que pasa iso. Por que non ten ese arrastre na sociedade. Moitas veces, aparece ligado a novas negativas, estamos enmarcados nos desastres da contaminación, en vez de falar da dinámica de emprego ou da creación de riqueza. Aí temos unha materia pendente.

—Comunicar é un dos retos do sector, pois. Que outros ten?

—Si, o da comunicación é básico: a implicación do propio sector para comunicar e darse a coñecer. Por outra parte, seguimos tendo unha carencia a nival formativo. Eu véxoo coa experiencia que teño a nivel internacional. De 600 granxas que hai en Galicia, cada unha factura de media máis de 250.000-260.000 euros. Polo tanto, xa non son empresitas. A maioría, lévanas familias, pero nas cales cada vez máis hai que facer xestión de persoal. Neste sentido, necesitamos máis.

—A formación vai ligada á man de obra. Na Costa da Morte, os traballadores de fóra son imprescindibles.

—É un novo reto. Ate o de agora, o eido agrícola sempre estivo moi ligado á información técnica, a como alimentar, como manexar o terreo... Todo iso está ben, pero estamos pasando de ser empresas nas cales digamos a man de obra é familiar, a ter xente de fóra. Polo tanto, teño que saber como facer quendas, como organizar. Iso non deixa de ser un reto, igual que toda a cuestión financeira. Empézase a abrir un campo novo para técnicos cunha visión máis global da granxa. Xa non estar tanto no día a día, senón na xestión estratéxica: que quero facer dentro duns anos, interésame traspasar isto aos meus fillos ou que estean contratados... Teño que saber como tomar decisións ou ter quen me asesore.

—Nun foro recente, falando da man de obra necesaria, dicía vostede: nunca sirvas a quen serviu.

—Si, porque hai que cambiar adecuadamente de status, e custa traballo. Dámonos de conta do que non ten o gandeiro para xestionar un elenco de traballadores. Hai que mirar que as persoas non se pisen nos traballos, que estes non sexan repetitivos… A motivación non sempre pasa por unha cuestión económica. Hai que darlles máis responsabilidade. Por certo, nunha enquisa feita no ano 2013 en 300 e pico granxas galegas, había máis de mil persoas asalariadas no sector. Agora, co ritmo que levamos, seguramente se dobre a cifra. Cada vez hai máis traballadores, moita xente de fóra, que son excelentes profesionais e que ademais contan con problemas alleos á propia xestión da granxa como atopar vivenda, escolarizar aos fillos...

—Hai moitos gandeiros que ven como única saída a robotización.

—Os robots chegaron para quedarse. Encaixan bastante ben nas granxas de tamaño medio. Nas grandes xa é máis complicado. O único problema que lles vexo é que se custaran a metade habería máis do triplo. Que ocorre? Que cando non hai man de obra cualificada, a xente opta por eles. Os traballadores hai que formalos, motivalos.

—Este tamén é un sector atomizado, con carencias dunhas estruturas organizativas máis alá dos sindicatos. Bótase de menos o asociacionismo.

—Cando dis isto, parece que vas en contra dos que están, pero o sector carece de representarse a si mesmo. Ten que dar resposta a cuestións que xorden e xerar novas el mesmo, facerse ver.