Patrocinado porPatrocinado por

Os «anacos do rural» que resisten no tempo

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

SOMOS AGRO

ARRAIANOS

Un libro con deuvedés recolle imaxes e sons dun tempo pasado, nas que tamén hai algunhas da Costa da Morte 

11 ago 2021 . Actualizado a las 14:23 h.

Hai un tempo, Aser Álvarez, director de Arraianos Produccións, preparaba un traballo no Ministerio de Agricultura e tivo acceso a uns fondos documentais nos baixos da institución, en Atocha (Madrid). Alí apareceron centos de imaxes e documentais sobre o agro galego en épocas moi diversas, dende os anos 30 ata os 80. Nacía así Anacos do rural. Unha revisión documental do pasado recente da Galicia rural. Mención especial merece, dentro da obra, unha serie de imaxes de 1978 a 1986, baixo o título de Unha visión fotográfica da agricultura tradicional galega, realizadas polo enxeñeiro Jaume Lloveras, que viña dunha estadía en Iowa, xunto con Juan Piñeiro, froito das sucesivas visitas ás 63 axencias comarcais do Servizo de Extensión Agraria de Galicia.

Era (son) fotos sen pretensións artísticas, de reflexo da situación do agro naqueles anos, en diferentes zonas e momentos do ano, e tamén situacións: dende a recollida do leite polas parroquias ata todo tipo de cultivos e recollidas na leira, ademais de paisaxes, feiras, encoros e moita etnografía. Fotos que impresionan polo reais, nada impostadas, froito do momento que lle tocaba cando pasaban por alí. Hai tamén imaxes tomadas na zona, en Carballo ou en Zas, por exemplo. E este é só un dos capítulos. Se cadra o máis importante, pero só un, deste volume que xa está nas librarías e que esta pasada fin de semana presentouse en Entrimo e tamén estivo na Feira do Libro de Vigo. Os documentais chegan grazas a dous deuvedés, recuperando traballos xa dende 1934, cando se fixo El hombre y el carro, La ciudad y el campo, ou Finis -Terrae Galicia, de 1936, entre outros moitos. Tamén aparece o célebre de Lires, de 1969, que dura case 18 minutos. A obra, toda en conxunto é unha coa imprescindible para lembrar de onde vimos, como apuntou Aser Álvarez hai uns días en Radio Voz Bergantiños, falando precisamente da orixe e dos contidos.

ARRAIANOS

Anacos do Rural é o froito dun esforzo colectivo, ao que axudaron a Xunta, Agader, a Mediateca do Ministerio de Agricultura e a entidade Acude Rural (co asesoramento técnico de Arraianos). Colaboran e asesoraran tamén os propios Lloveras e Piñeiro.

Uns e outros (ademais destes citados) aportan fotos, textos e material cinematográfico para «contribuír á divulgación do patrimonio». Di Álvarez que os galegos das zonas rurais «pasárono moi mal, tiveron vidas moi duras», a diario. Moitos lectores sentiranse identificados con todo iso xa dende a portada, para a que se elixiu unha carro tirado por vacas cargado de herba seca, con varias persoas asistindo nos mandos. «Isto é tamén un berro contra o esquecemento», engade, «para lembrar a esa xente á que debemos o que somos e o que Galicia pode chegar a ser, e é tamén unha reflexión sobre todo iso».