«A gaita galega é a que máis arrasa»

SOCIEDAD

Marcos García no seu obradoiro de gaitas, o único que queda en Ferrolterra
Marcos García no seu obradoiro de gaitas, o único que queda en Ferrolterra CESAR TOIMIL

Marcos García Martínez, o único lutier ou creador de gaitas que queda en Ferrolterra, Eume e Ortegal continúa os pasos do seu mestre, Antón Varela, e vende case un terzo dos seus instrumentos en Francia

01 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando Marcos García Martínez (Ferrol, 1977) medraba no barrio de Caranza, só quería ser tamborileiro. «O meu pai era o mestre de gaita Lolete, Manuel García Pereira, pero a min só me interesaba o tamboril», recorda. Pero con dez anos tivo que empezar a tocar ese instrumento de vento case á forza, e xa non se separou del. Agora exerce como o único lutier, ou creador de gaitas, que queda en Ferrolterra, Eume e Ortegal. Inspirado por esa figura paterna «que me guiou ata onde cheguei», pero tamén polo seu mestre na fabricación de instrumentos: o recordado Antón Varela.

Lolete e Tonecho Varela desapareceron. Pero en certo modo continúan vivos no Obradoiro de Gaitas Marcos, onde se empregan buxo e granadillo para crear pezas que cruzan toda Europa. «O buxo chega de bosques da comarca e o granadillo é unha madeira africana tres veces máis cara que o ébano. Como tecidos utilizo veludos alemáns», explica. Ao igual que podemos distinguir o paso dun Jaguar pola rúa, tamén os especialistas «saben identificar a autoría dunha gaita polo seu torneado». Marcos apunta que o seu é «sinxelo para evitar os deseños rococós pero tamén con algún detalle significativo. Busquei no equilibrio o meu selo persoal e a sinatura vai no punteiro», explica.

Para atopar outro lutier no entorno xeográfico de Marcos hai que viaxar ata Cambre, onde se localiza o Obradoiro de Gaitas Seivane. Pero na área de Vigo, por exemplo, «hai 25 artesáns».

O ferrolán chegou a este oficiocando tiña 19 anos e remataba os estudos de Delineación, «porque Varela tiña moitos encargos e ao final aquí descubrín a gaita como a miña paixón... é moi difícil lograr traballar no que che gusta». Na crise de 2008 e despois de dez anos con este mestre, buscou ocupación noutros sectores: «Fun policía portuario e patrón de barco, sempre procurei profesións entretidas pero botaba de menos as gaitas».

Xa cando Varela enfermou, Marcos regresou con el, e tomou as rendas do obradoiro despois da desaparición de Tonecho en 2017. «El era unha persoa excelente, os alumnos sempre levamos algo dos nosos mestres porque eles nos axudaron a arrancar», destaca. Durante este tempo, Marcos García Martínez fixo centos de gaitas, un terzo das cales se venden noutros países europeos: sobre todo en Francia, pero tamén en Bélxica, Alemaña e Italia.

Marcos reflexiona: «Cada país europeo ten un tipo de queixo e un tipo de gaita, trátase dun instrumento que se toca en todo o continente desde a conquista do Imperio Romano». Pero a maiores, «a gaita galega é a que máis arrasa, gusta en todos os países. As francesas non se exportan tanto pero as galegas viaxan por toda Europa». No deseño impera a morfoloxía, «que o instrumento resulte cómodo para o gaiteiro». E entre os clientes, a inmensa maioría son afeccionados: «Pero teño a dous profesionais alemáns moi destacados», conta.

Tras pasar pola dirección da banda de gaitas do Real Coro Toxos e Froles ou Os Estrobos, Marcos dá clases en Agarimo de Catabois, San Sadurniño e Valdoviño. Como único lutier na zona di que «sente un orgullo incrible nuns tempos nos que se recorta a cultura. Nos 2000 si que había unha enchente de grupos, pero o das Tanxugueiras é só un espellismo pois quitáronse subvencións ás escolas: antes había 100 bandas de gaitas nun concurso, agora 15», lamenta. 

A semente segue nos seus fillos: «O maior non quere saber nada de gaitas, a nena de cinco anos toca a pandeireta fenomenal».