Toda a temporada de «A Estiba» chega á plataforma gratuita Enserie.gal

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

A ficción, candidata a mellor serie no Celtic Media Festival, é un «thriller» portuario que transcorre na vila de Ardora

19 mar 2020 . Actualizado a las 16:07 h.

Co obxectivo de poñer a disposición do público contido de calidade e en galego durante o confinamento pola crise do coronavirus, Televisión de Galicia pon a disposición dos internautas a temporada completa de A Estiba na plataforma en Enserie.gal.

A ficción transcorre na cidade de Ardora, na que a actividade portuaria representa a principal fonte de riqueza. Toda a vila vive por e para o porto, pero tamén é a principal fonte de problemas, pois Ardora ten unha das taxas de criminalidade máis altas do país. Pero toda a cidade queda paralizada cando aparece no porto un barco mercante, o Delta, con toda a tripulación brutalmente asasinada.

Do lado da lei atópase a familia Fortes, liderada por Emilio Fortes, que interpreta Luis Iglesia, comisario da Policía Nacional que está a punto de xubilarse. A súa filla Manuela, a maior de tres irmás e que interpreta Melania Cruz, regresa á vila para cubrir o posto do seu pai e investigar a matanza do Delta.

No lado contrario están os Longueira, unha familia de estibadores que controlan os negocios escuros que entran en Ardora desde o porto. O seu líder é César Longueira, ao que dá vida o actor Adrián Castiñeiras.

Recentemente A Estiba foi escollida como candidata na categoría de mellor serie de televisión no Celtic Media Festival, onde compite con outras ficcións como Guilt ou Line of Duty, da BBC.

A partir de agora, os 17 episodios que compoñen a primeira temporada están a disposición de todos os usuarios dixitais no arquivo en liña da Televisión de Galicia www.enserie.gal, onde tamén se pode acceder ás temporadas doutras ficcións galegas como Pratos Combinados, Dalia, a modista, Matalobos ou Serramoura.

Tamén desde a propia web da TVG, na sección de programas (http://www.crtvg.es/tvg/programas), os internautas teñen acceso a todos os programas xa emitidos da canle pública, tanto informativos, como A Revista, o Telexornal ou Galicia Noticias; ademais dos seus espazos de entretemento como Luar, Bamboleo ou Land Rober Tunai Show.