Xosé R. Bustelo: «Estamos ás portas de conseguir controlar o cancro, pero vai ser unha loita tumor a tumor»

Raúl Romar García
r. romar REDACCIÓN

SOCIEDAD

Sandra Alonso

O presidente da Asociación Española de Investigación contra o Cancro (Aseica) advirte que só se se reforza a inversión en investigación será posible incrementar as taxas de supervivencia

22 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé R. Bustelo (Iria Flavia, Padrón, 1962) non puido ser profeta na súa terra, pero xamais se esquece dela. Leva toda unha vida dedicado á investigación contra o cancro, primeiro nos Estados Unidos, onde se formou en Princeton con Mariano Barbacid, e logo coa creación dun laboratorio propio na Universidade de Nova York. Despois de dez anos, retornou a España como investigador do CSIC, pero non a Galicia, senón a Salamanca, onde é vicedirector do Centro de Investigación contra o Cancro, ademais de director do Programa de Mecanismos de Progresión Tumoral do Centro de Investigación Biomédica en Rede do Cancro, e tamén presidente da Asociación Española de Investigación contra o Cancro (Aseica). Aínda así, mantén un forte vínculo persoal e científico coa súa terra, como proba o feito de que este martes foi un dos cinco novos académicos correspondentes que ingresaron na Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). Hoxe estará na Coruña, onde ás sete e media da tarde ofrecerá no Muncyt unha charla sobre «La oncología del siglo XXI: cómo el conocimiento del cáncer está cambiando la forma de diagnosticar y tratar esta enfermedad», organizada pola Fundación CorBI. Aí amosará os últimos avances en oncoloxía e os retos que aínda quedan pendentes.

-Na investigación contra os cancros avanzouse moito, pero son un grupo de enfermidades moi complexas. En que consiste esa dificultade?

-Cada cancro é unha vida en si mesmo, porque ten propiedades diferentes desde o punto de vista clínico. Incluso se falamos dun mesmo cancro dependendo das súas alteracions xenéticas e da súa propia evolución pode ter propiedades diferentes. E iso é o reto, porque non estamos a falar dun cancro en particular, senón que o facemos probablemente de ducias de variedades dun mesmo tumor. O reto é poder discernir esa complexidade xenética para tratar mellor os pacientes.

-E como o facemos?

-Agora temos técnicas que nos permiten visualizar esas alteracións xenéticas, e mesmo é posible coñecer o ADN dunha persoa e todas as súas alteracións xenéticas. E, obviamente, se podemos coñecer todas as alteracións dun paciente poderemos tratalo moito máis axeitadamente, se houber fármacos contra elas. A esperanza é poder acoutar cada vez mellor cales son as alteracións xenéticas dos pacientes para proporcionarlles oportunidades terapéuticas personalizadas. Imaxina cinco individuos que teñan un cancro de mama: seremos capaces de distinguir que alteración xenéticas ten cada un deles, co cal teremos que tratar a cada un deles de forma diferente. Isto, de feito, xa se está facendo agora. Por exemplo, no cancro de mama sabemos que hai tres tipos básicos, pero a nivel molecular coñecemos que hai polo menos cen tipos diferentes. Hai unha grande variedade.

-Entón, cal é o reto?

-O reto é ese, poder diagnosticar cada vez mellor os pacientes, saber que alteracións teñen, e saber cales delas afectan á evolución dos tumores e, en función desas alteracións xenéticas, nun futuro próximo adaptar as terapias a cada unha delas.

-E cales son agora mesmo as grandes esperanzas na loita contra o cancro?

-Basicamente agora hai dúas formas. Unha delas é a medicina personalizada, coa que tratamos de inhibir farmacoloxicamente as alteracións xenéticas dos doentes. Isto permítenos atacar directamente o cancro, coa vantaxe de que os efectos colaterais das terapias van ser menores que os da quimioterapia, que en esencia é un veleno, porque tamén causa danos significativos aos órganos. Despois temos a inmunoterapia, na que tentaremos revitalizar o sistema inmune para que ataque directamente as células do cancro. Probablemente son dúas terapias que teremos que dar en combinación, porque está claro que unha única  por si mesma non funciona.

-No cancro, porén, a grande ameaza é a metástase, que provoca o 90 % das mortes. Esta semana o equipo de Joan Massagué avanzou a orixe deste proceso. Queda moito por facer?

-A metástase é o problema máis serio que temos, porque, por exemplo, agora se un paciente ten un tumor localizado as posibilidades de curación son moi altas, dun 90 %, pero se ten unha metástase esa curación baixa a un 5 ou un 15 %. Pero penso que o reto non é tanto evitar a metástase -porque cando o paciente chega á clínica xa a ten diseminada- senón ser capaces de matar as células tumorais que están xa aloxadas en diferentes tecidos. Isto é un problema bastante serio, porque se as células tumorais son malas as metastásicas son o peor da familia, porque non é só que sexan tumorais, senón que teñen propiedades máis malignas, como que son máis resistentes a fármacos. 

-Pero no futuro poderíase evitar a metástase en orixe?

-Eu creo que non tanto este proceso de propagación do cancro, senón máis ben que a estratexia ten que pasar por matar as células que xa están diseminadas. En xeral, o problema é que cando un paciente vai á clínica pode ter xa unha metástase, que é moi difícil de detectar. Eu sempre digo que as metástases son como grupos de Al Qaeda. Están escondidas, durmidas nos tecidos, e non as vemos, pero están alí. Están en fase durminte ata que chega o momento en que, por factores que aínda non coñecemos, reactívanse. 

-As nosas xeracións chegarán a ver que se pode controlar o cancro?

-Eu creo que xa estamos vendo que podemos controlar o cancro. Hai tumores que hai trinta anos eran unha pena de morte, e agora a xente está sobrevivindo. En xeral vai ser complicado, se nos referimos a tódolos cancros, pero en tumores como o de mama ou incluso o de pulmón chegaremos a ver a cronificación da enfermidade. En melanoma hai 15 anos os índices de supervivencia eran baixísimos, e agora grazas á inmunoterapia temos xa porcentaxes bastante elevadas de supervivencia a moi longo prazo. Realmente estamos ás portas de conseguir controlar o cancro, pero non hai que esquecer que é unha enfermidade moi complexa e ás veces evoluciona en contra dos tratamentos. Vai ser unha loita tumor a tumor.

-Cales son as perspectivas globais de supervivencia?

-Agora mesmo estamos falando que para os próximos 10 ou 15 anos a supervivencia aumente da actual taxa dun 55 % a outra dun 70 %. Iremos pouco a pouco mellorando, pero iso si, será unha loita tumor a tumor, porque agora mesmo temos cancros moi difíciles de tratar, como o de páncreas. Pero son optimista en xeral, porque creo que a través da ciencia, do coñecemento e da implicación de moitos científicos de diferentes ámbitos melloraremos moitísimo o tratamento de forma progresiva.

-Desde Aseica, a asociación que preside, alertouse de que o recorte da inversión en ciencia compromete os obxectivos de supervivencia contra o cancro. É así?

-É así, por iso desde a nosa asociación estamos reclamando moi intensamente que se mellore o financiamento, porque a investigación non son soamente ideas. É un traballo moi oneroso, porque hai que utilizar información xenética, o que supón secuenciar o xenoma de múltiples pacientes, desenvolver modelos animais para validar terapias, a biopsia líquida, desenvolver novos fármacos... Todo isto custa cartos, e, se non se teñen, os avances serán máis limitados.

-Cal é agora a situación cos sucesivos recortes?

-A situación é que desde os últimos 15 anos todo o sistema español perdeu aproximadamente 20.000 millóns de euros. Estamos aos niveis de financiamento de hai 16 anos. É coma se estivésemos agora conducindo un coche de hai 16 anos, polo que non sei se pasariamos a ITV científica internacional.

-Non queda outra que acelerar a inversión.

-Nós reclamamos que ten que haber un aumento do financiamento, pero sabemos que non é factible pasar en pouco tempo dun 1,2 a un 2 ou un 3 % do PIB dedicado á ciencia, porque os niveis de inversión que se teñen que facer son inviables neste momento, e asemade tamén se necesita o concurso da empresa. Penso que isto ten que ser un obxectivo a longo prazo, pero cremos que unha medida que si é viable é, por exemplo, duplicar os cartos que se dedican á investigación nas diferentes axencias que financian proxectos tanto básicos como clínicos en España, porque non son tantos cartos. Por exemplo, os cartos que dá a Axencia Estatal de Investigación para toda a ciencia española son 340 millóns. Creo que poderiamos permitirnos duplicar o presuposto. E en cancro o presuposto do plan nacional non chega a dez millóns de euros, e creo que poderiamos permitirnos aumentalos a 20 millóns de euros cada ano. Iso sería o máis adecuado para romper a tendencia negativa que levamos estes anos.

-Pedro Duque seguirá á fronte do Ministerio de Ciencia, e suponse que terá máis tempo. Ten esperanza en que cambien as cousas?

-Os que traballamos en cancro sempre temos esperanza. Creo que o programa de Goberno recoñece a importancia da inversión en ciencia e o ministro tamén o di reiteradamente, pero esperemos que isto se materialice. É verdade que depende dos presupostos e de múltiples negociacións entre os diferente partidos, pero eu creo que a inversión en ciencia ten que ser unha parte importante do aumento presupostario, sobre todo se queremos tamén cambiar o modelo produtivo do país.

-E como ve a situación en Galicia, que malia a distancia segue vostede moi de cerca?

-Cando falo con colegas a verdade é que non están contentos. O que piden basicamente é que se implemente un programa de captación de talento como o Icrea catalán, aínda que é certo que en comparación con outras autonomías Galicia inviste bastante.Non tanto como Cataluña ou o País Vasco, aínda que comparada con Castela e León está bastante mellor. Pero si creo que hai que facer un esforzo en financiamento, en centros de investigación punteiros que sirvan para atraer a científicos que están fóra e implantar programas de captación de talento.

-Como novo membro da Real Academia Galega de Ciencia, en que medida pode colaborar para o avance da ciencia en Galicia?

-Eu estou moi agradecido con que me nomeasen académico, e a verdade é que me fai moita ilusión. Aínda que estou fóra, teño conexións moi importantes con Galicia, non só a nivel familiar, senón tamén científico. Quizais a xente ve as academias como algo obsoleto ou cheo de vellos, pero en absoluto é así. Eu creo que son fundamentais en moitos aspectos, porque deben ser un foro moi importante de asesoramento para os gobernos, como ocorre, por exemplo, nos Estados Unidos. Tamén se están abrindo moito á sociedade, e teñen un papel moi importante na divulgación da ciencia e da concienciación social. Eu estarei encantando en colaborar con calquera actividade que a Academia me demande para traballar a prol da ciencia en Galicia.