«A corto e medio prazo vai faltar relevo xeracional na investigación do cancro»

Raúl Romar García
r. romar REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

M.Ares

Bustelo di que a falta de financiamento, que se reduciu nun 30 %, fai inviable que os mozos poidan ser competitivos

17 sep 2019 . Actualizado a las 21:17 h.

Xosé R. Bustelo (Iria Flavia-Padrón, 1962) é o presidente da Asociación Española de Investigadores en Cáncer (Aseica), que entre o 6 e o 8 de novembro organizará en Valencia o seu congreso, coa participación de más de 400 dos mellores científicos na área e con invitados do Reino Unido Suíza, Portugal, Holanda e Alemaña. Bustelo, profesor de investigación do CSIC no Centro de Investigación do Cancro de Salamanca, do que tamén é vicedirector, é optimista sobre os novos tratamentos para tratar a enfermidade, pero tamén alerta sobre dúas ameazas que se cernen sobre a investigación en España: o escaso financiamento e a falta de relevo xeracional.

-Cada vez haberá máis casos de cancro. É o prezo que temos que pagar por ser cada vez máis vellos?

-Pois si, realmente é certo. Ao longo da vida vanse acumulando alteracións xenéticas e, ao final, canto máis vivas, pois máis perigo hai de que dean lugar a un tumor.

-Sen embargo, pese a todo, hai motivos para ser optimistas polos avances na investigación. É así?

-Eu creo que si que podemos ser optimistas, porque se ti ves como evolucionou o cancro ao longo destes últimos 40 anos, pois está claro que hai unha tendencia progresivamente maior a que os pacientes se curen e os tratamentos son cada vez menos nocivos para eles e máis efectivos. Pero aínda nos faltan un montón de problemas por solucionar, porque hai cousas que aínda agora son irresolubles, como é o caso de tratar a metástase ou como facer que os doentes que deixan de responder a unha terapia volvan a facelo. E tamén segue a haber tumores que aínda son difíciles de tratar. Son débedas pendentes, pero é verdade que nun prazo de 30 ou 40 anos as cousas van cambiar moito.

-No congreso vaise presentar un informe sobre a investigación do cancro en España. Avanzamos?

-Avanzamos, pero como o corredor que ten atada unha perna. E esa corda chámase financiamento. Temos un 30 % menos de cartos que hai dez anos e iso impídeche facer investigación punteira. Porque, imaxínate que te queres meter a caracterizar todas as alteracións xenéticas en diferentes tumores e en diferentes pacientes, pois iso agora é inviable economicamente para un grupo español. Seguimos tirando, porque somos un pouco intelixentes e sabemos que loitas poder afrontar, pero a situación é complicada, e non soamente en termos de cartos.

-A que se refire?

-A que, como tamén recolle o informe, cada vez somos máis vellos. A gran maioría dos responsables dos grupos que investigan en España teñen máis de 50 anos, co cal falta recambio a corto e a medio prazo. Hai poucos cartos para ser competitivos e vai haber un gran problema de recambio.

-Está a dicir que non vai haber relevo xeracional?

-Si hai investigadores mozos, pero ou ben non se quedan en España, ou, aínda que queiran vir, teñen un financiamento tan pequeno que iso a medio prazo afecta á súa produtividade. Entón, ao final, seremos cada vez menos competitivos, porque cada vez somos máis vellos. Haberá unha especie de val onde non vai haber ninguén que nos substitúa. Que pode pasar? Pois que podes ter un montón de xente á que eu lles chamo zombis científicos, que é intelixente e que quere facer o máximo posible, pero que, como non ten cartos para montar un laboratorio competitivo, pois pouco a pouco queda nun limbo improdutivo.

-Si, pero España, aínda así, está no «top ten» mundial en investigación contra o cancro.

-En termos macro, pois a verdade é que si temos moitas publicacións, pero hai tipos de traballos punteiros que é moi difícil de facer en España, porque o que che dan para un ano esgotaríalo en tres meses. O que si podemos ensinar aquí é que lle sacamos máis produtividade aos cartos que en calquera outro sitio. Isto reflicte que aquí a xente está moi ben formada e, se tes xente formada e con boas ideas, pois ao final sempre produce, pero agora imaxínate que pasaría si en vez de ter un 30 % de financiamento menos, tiveramos un 30 % máis. Igual estabamos entre os cinco primeiros do mundo.

-Ten esperanza en que cambie a situación?

-Teño unha esperanza crítica. Todo o mundo está pendente de a ver que pasa cos novos presupostos, pero penso que cun pouco de imaxinación podíamos facer máis cos que hai, xa que o 60 % está destinado a cretos que non se gastan nunca. Si se dedicase a proxectos de investigación, non teríamos que cambiar nada. Pero eu espero que se cambie a situación, porque este sistema así non se pode manter. E, a nivel político, parece que si se quere cambiar algo.

«Non vai haber unha bala máxica para todos os tumores»

Xosé R. Bustelo está convencido de que a inmunoterapia aínda vai traer máis boas novas no tratamento do cancro, pero ve difícil que algún día se atope a bala máxica da que falan algúns investigadores para atacar dunha forma común tódolos tumores.

-Inmunoterapia e terapias dirixidas en función do perfil xenético son as grandes esperanzas agora mesmo en tratamento?

-A cirurxía, a quimio e a radioterapia serán importantes e, logo, como liña de axuda, estarán tanto as terapias dirixidas como a inmunoterapia. Esta última ten un potencial maior, porque as terapias dirixidas dependen moito de que alteración xenética teña cada paciente, que pode ser moi diferente, e sempre esperaremos a que unha diana dirixida soamente vaia funcionar nun grupo pequeno de pacientes.

-Si, pero a inmunoterapia aínda está empezando.

-Si, cabe esperar que sexa unha terapia moito máis xeral, que agora aínda non o é, xa que está limitada ao melanoma ou o cancro de pulmón. E non sabemos aínda moi ben, porque responde mellor a uns tumores que a outros. Pero vai ter unha utilidade moito máis xeral.

-Hai tempo os científicos falaban dunha bala máxica para tratar todo tipo de tumores. Veo posible?

-Vai ser difícil, pero quen sabe. Polo que coñecemos agora, non vai habela, pero ao mellor, de repente, alguén descobre un talón de Aquiles para todos os tipos de tumores e que funcione. Costa moito crelo pola enorme complexidade e variedade do cancro, na que incluso pacientes co mesmo tumor teñen alteracións xenéticas diferentes e nin sequera un mesmo tumor dun individuo é igual en todos os sitios. Aí está a dificultade. Moita xente di: Por que non curades o cancro? Porque non é como a gripe. Desde o punto de vista xenético, é unha enfermidade complicadísima.