Touriñán fala do seu adeus a «Land Rober»: «Necesito parar, coller aire, descansar»

O actor e humorista anunciou este mércores que abandona o programa para «recuperar as ganas de facer cousas»


Redacción

Parar, descansar. Son as palabras que máis repite Xosé Antonio Touriñán (Culleredo, 1980) cando explica a mensaxe que publicou este mércores nas redes sociais e que sobresaltou aos seus seguidores: «Báixome de Land Rober». O actor e humorista quere, en primeiro lugar, tranquilizar ao público: «Estou ben, só necesito respirar e coller carreiriña». Pero non sabe onde chegará cando recupere «as ganas de volver facer cousas».

De momento só estará no teatro, coa xira «Somos criminais», xunto a Carlos Blanco, con quen pensa seguir traballando. Tampouco volverá participar en novos programas de Malo será, que precisamente este mércores dedicoulle un especial. Do futuro, non sabe nada.

 -Está ante un cambio de ciclo?

-Non sei se é un cambio de ciclo ou un tempo de descanso, porque non vou a ningún sitio. Proxectos teño moitos, pero non son máis ca iso. Agora é unha parada técnica para coller aire, descansar... Levaba un tempo canso e necesitaba parar. Neste tempo que non estiven en Land Rober a final de ano tiven tempo para velo desde fóra e valorar as cousas. A decisión non foi dun día para outro. Non é un adeus. Non sei se vou volver a Land Rober, aínda que agora a miña idea é que non. Gustaríame traballar na TVG, que é a miña casa, a televisión do meu país e na que se traballa na miña lingua. Eu prefiro traballar en Galicia mil veces antes ca ir fóra. É un momento de intentar armar proxectos novos, descansar, estar un pouco coa familia... É o que me apetece.

 -Foi moi esixente este tempo en «Land Rober»?

-A min déixame esgotado a miña esixencia persoal. E este último ano foi moi duro, traballando fóra nunha serie toda a semana, despois volvendo para facer funcións de teatro os venres e os sábados e marchando os domingos de novo para Madrid. A esixencia era pensar ata onde máis podiamos chegar en Land Rober. Iso foi tamén parte da decisión. Non sei ata onde máis podía chegar facendo personaxes. Case sempre foi unha marabilla ir traballar alí, era unha festa todos os xoves. E o que viña de volta era tan grande... Todo o que nos pasou e o que o público nos deu. Toda a xente nova, non só no sentido de idade, que se achega á TVG grazas a un programa como Land Rober, é todo un éxito. É pronto para dicilo, pero creo que este programa fixo historia e estou moi orgulloso de formar parte diso.

 -Os «gorrillas» non serán o mesmo sen vostede...

-Home, agora vai ser un só. Terán que buscar outro gorrilla. O mesmo non vai ser porque eu non estou, pero ninguén é imprescindible. Eu estou moi contento do tempo que estiven e de todo o que conseguimos desde o primeiro día que se fixo o piloto. Houbo momentos mellores e peores, coma en todos os traballos. Pero o Land Rober vai seguir, porque hai moito talento nese equipo. Non só en Roberto e Eva, senón en todo o equipo. A nivel nacional non hai un programa coma ese, con ese ambiente e ese público que fai que pareza un concerto de música. É outro mundo, non existe nada igual. Non é cousa dun só e hai pezas para recambiar se un ten que faltar unha tempada. Non me cabe dúbida de que seguirá sendo un éxito.

 -Houbo algún problema que precipitara a despedida?

-É un problema comigo mesmo, de estar canso e de cousas que me fan non ter ganas de continuar. É unha decisión de rematar e parar un tempiño, e esperar a ter ganas de arrancar cousas novas... ou volver a Land Rober.

 -Consome o humor máis enerxía ca outros xéneros do entretemento?

-O humor é do máis esixente que hai na nosa profesión. Ás veces hai que parar, respirar e, sobre todo, algo que non tiven moito tempo de facer ultimamente, que é escoitar a xente para volver crear cousas, pararse a mirar persoas que despois se converten en personaxes. Tamén necesito iso.

-O público vaino botar de menos.

-Iso tamén é bo. Oxalá sexa porque o meu traballo estaba ben feito ou porque lle facía ben á xente. Pero non tardarei e intentarei estar de novo facendo rir. Isto é tan só unha parada técnica.

-É consciente do alboroto que provocou a súa despedida?

-Estou verdadeiramente emocionado co cariño que me está demostrando a xente polas redes, pero xa ía todo condensado na mensaxe que escribín dicindo que todo é grazas ao público, que nos fixo ser grandes. Non estou enfermo nin isto é unha retirada definitiva. Só unha decisión moi meditada para parar, coller ánimos e seguir facendo comedia. Non é para nada malo, senón para que isto siga virando. Todas as cousas teñen que ter un comezo e un final e virán outras tan boas coma estas, e seguiremos rindo e gozando.

Xosé Antonio Touriñán: «Son serio e introvertido»

JORGE CASANOVA
Touriñanh

O actor cullerdense confesa que non era dos graciosos da clase cando ía ao instituto e que se lle daban «moi mal» as rapazas

Xosé Antonio Touriñán (Culleredo, 1980) é un tipo ocupado. Vémonos nun descanso dos ensaios do Land Rober da TVG, no plató 1.000 de Cacheiras. Só cando saco o caderno dáse de conta de que son o da entrevista de La Voz e non outra cita que tiña para colaborar nun libro. Non pasa nada. Antes de que entre a avalancha de público liquidamos a conversa, con menos risas das que contaba. Touri é un tipo serio.

-Como o chaman na casa?

-Miña nai chámame Jose. Cando se enfada, Jose Antonio. O de Xosé é algo artístico, aínda que en Madrid teñen un problema co meu nome. Chámanme «Choche», «Xoxe»...

Seguir leyendo

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
26 votos
Comentarios

Touriñán fala do seu adeus a «Land Rober»: «Necesito parar, coller aire, descansar»