O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, estreouse onte na feira de Fitur en Madrid, e fíxoo sobre todo vendendo o Xacobeo 2010, que é a marca que máis destaca no espectacular e chamativo estand de Turgalicia, no pavillón número 9 de Ifema.
-¿Que lle parece esta feira para dar a coñecer Galicia?
-Estou gratamente sorprendido co noso espazo. Todas as persoas coas que falo só me fan comentarios positivos, chama moito a atención. É un sitio aberto, case como unha réplica da praza do Obradoiro, onde a xente ven e xúntase e pode coñecer unha oferta moi plural, de toda Galicia como destino turístico.
-De toda Galicia, pero manda abraiantemente o Xacobeo.
-Si, é o máis importante, pero non só. Digamos que ofrecemos catro grandes cousas: a cultura galega, o patrimonio, a paisaxe e a gastronomía. Hoxe [por onte] xa tivemos unha morea de actos, de presentacións, dando a coñecer destinos turísticos, festas de diversos concellos e comarcas... Estamos en Fitur para ensinar cal é a imaxe de Galicia.
-Puido falar cos Reis, que visitaron o estand, despois de bastante tempo sen facelo. ¿Que lle comentaron?
-En realidade, estiven con eles dúas veces, a primeira nunha reunión con outros conselleiros e despois cando viñeron a ver Galicia, onde lles fixen entrega do martelo de prata. A verdade é que lles gustou o sitio, tamén o Xacobeo, unha actividade que entendo que lles é xa moi familiar, despois de tantos anos. Pedinlles que vaian a Galicia.
-Os Reis irán, seguro. ¿Tamén o Papa?
-O Papa, para o 2011.
-Vostede aproveitará a súa estancia en Fitur para tratar outros temas. Algún da envergadura do parador de Muxía.
-Si, para hoxe mesmo teño prevista unha reunión cos responsables de Turespaña, e tamén do Concello, para sacar este tema adiante.
-¿E que vai pasar?
-Temos que darlle solución a un problema que non foi xerado pola actual Administración autonómica, senón pola anterior. Fíxose un concurso de maneira incorrecta, como xa dixo Turespaña. Pero, máis aló diso, o que máis me importa a min é a Costa da Morte. Non porque se fixeran mal as cousas nun determinado momento imos privar á xente desta bisbarra de que poidan ter un parador. É un tema que temos que desatascar. Xa digo claro: parador de Muxía, si ou si. Así que, se para que se faga xa a Xunta ten que asumir algunha das cousas que non lle corresponden, pois haberá que facelo. Pero vamos a esperar a que se celebre o encontro hoxe pola tarde.