Un autógrafo

SOCIEDAD

19 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

O ENTUSIASMO polo coleccionismo, esa febre que a case todos nos invade nalgún momento da vida e que cando se trata de autógrafos, ou no seu defecto de primeiras edicións de libros, seguramente terá algo que ver, penso eu, co desexo de gardar unha mínima parte do que máis se admira, foi o que me levou a min, hai anos, a pedirlle a un amigo de Henri Cartier-Bresson que me facilitase o camiño para conseguir un manuscrito do artista francés. Entón el -amigo meu, tamén- mandoume escribirlle ao fotógrafo á súa casa de París cun recado seu, ademais de enviarlle un libro, e foi o que fixen. Pouco máis tarde, o creador do concepto do instante decisivo, desa máxica fórmula que permite perpetuar unha fracción de segundo que de non haber unha cámara por medio probablemente ata pasaría inadvertida, contestoume cunha tarxeta postal na que está impreso o seu famoso retrato do escultor Alexander Calder; daquel outro xenio que facía pezas dotadas de movemento, deseñadas para cambiar constantemente de posición e xogar co aire. No envés da postal, Cartier-Bresson agradecía o envío coa fermosa letra do home que fixo da fotografía a ventá sempre aberta a un universo paralelo á realidade. Contestou coas palabras cheas de amabilidade de quen seguramente non ignoraba que toda aquela pesada insistencia, envolta en admiración, buscaba un recordo del: do dono da discreta e vella Leica que deixou testemuño da civilización salvada.