ESTA SEMANA cumpríronse sesenta anos da morte de Noriega Varela, dun dos grandes poetas que deu Galicia e non precisamente o máis recordado. Naceu en outubro de 1869 no seu Mondoñedo, e nada máis ver unha luz que non foi precisamente a do día ?era noite pechada?, deixárono na inclusa. Os primeiros anos pasounos en Lourenzá, acollido por unha familia que vivía no lugar do Cristo. En 1871, a súa nai recoñeceuno como fillo natural, e pediu que llo devolvesen. Finalmente, permitíronlle levalo. Doce anos depois ingresaba Noriega Varela no seminario para seguir a carreira eclesiástica, mais non chegaría a ordenarse. E non porque renunciase a ser sacerdote, cousa que se dixo pero que non garda relación coa realidade, senón porque Roma non lle concedeu a dispensa «ex defecto natalium» que solicitara. Denegáronlla en 1895 por ser fillo de solteira. Para el foi un golpe terrible. Buscou abrigo nos versos, e pouco máis tarde un xurado no que estaban Murguía, Pondal e Martínez Salazar premioulle a súa composición De ruada. Para poder vivir fíxose mestre. Déronlle o título cos «dereitos limitados». Casou e tivo seis fillos, dos que lle morreron catro. Despois de poñer escola en Foz e en Calvos de Randín chegou a Trasalba, onde se fixo amigo de Otero Pedrayo. Tras enviuvar, en 1916 casou de novo, e tivo sete fillos máis. Cerca da vellez, estando en Abadín, nomeárono académico. Nunca leu o discurso de ingreso. «Ouvea o lobo xunto a cruz de pedra», escribiu. Ás veces, no Alto da Xesta, paréceme velo ao lonxe cun libro na man, camiñando cara ao poñente. Sempre serán un refuxio aquelas brañas.