Mentiras

TUCHO CALVO

SOCIEDAD

POR ALGUNHA razón incomprensible -oito mil veciños da zona xa firmaron un documento sobre a súa incapacidade para desentrañar o misterio-, as autoridades locais e a Xunta puxeron en marcha o proxecto dunha vía rápida para chegar dous minutos antes á vila turística de Sada. Tal proeza, difícil de xustificar en si mesma e imposible de acadar atendendo aos límites de velocidade vixentes, poida que oculte un programa para aumentar o número de accidentes nesa zona (equiparándoa así ás do Barbanza ou o Salnés), ou outro para potenciar a ignorancia sobre o territorio viaxando como lóstregos cara a ningures. O primeiro é sorprendente cando estamos en guerra contra as mortes nas estradas. O segundo debe ter algún sentido que a min se me escapa, pero que intúo cando leo que Javier Riera, director de PSA Peugeot Citröen en Vigo, afirma que non coñece Galicia nin falla que lle fai. (Dende logo, que o máximo expoñente da construcción de turismos no país diga algo así sen que todos os galegos que teñen un coche da súa firma llo poñan na porta, é un misterio). O caso é que estamos ante unhas eleccións e que nada importa a razón. Instalados na mentira universal que tanto xustifica unha guerra como atenaza a inspección para que non vexa os incumprimentos da Lei de Normalización Lingüística que denuncia a Mesa, nada importa o futuro de dúas aldeas e o benestar dos seus veciños. Pesan os manexos na adxudicación duns cartos que veñen de Europa, os intereses inmobiliarios e o esforzo duns e doutros por limpar a cara para un politiqueo que só pensa en amarrar os cargos uns aniños máis.