A parroquia de Visantoña celebra o 125 aniversario da súa banda musical

Xosé García SANTISO

SANTISO

X. G.

A actividade ininterrompida dende 1887 fai desta formación unha das máis antigas de Galicia A agrupación conmemora o acontecimiento coa estrea de obras de André Waignein

02 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Cando Ramón López fundou, en 1887, unha banda xunto a outros músicos, non pensaba en que a súa agrupación andaría dacabalo dos séculos sen perde-los folgos. Pero así foi. A Banda de Visantoña, unha parroquia de Santiso, cumpre 125 anos de existencia ininterrompida. Nin sequera a deflagración da pólvora en 1936 daría acalado o bo facer desta xente. Daquela, Visantoña está de festa. Non hai moito que se reuniron os máis de 300 socios que manteñen viva a banda para celebrar o seu aniversario. E fixérono coa música da Misa Tornacum, de André Waignein, unha estrea para demostrar que esta formación musical segue viva. Boa proba disto é a escola de música de Visantoña, que reanudará as súas clases o 16 de setembro. A elas asistirán rapaces a partir dos catro anos de idade, e tamén se preparará a canteira de músicos que nutre á banda, á coral polifónica e ó coro de nenos. Na actualidade, máis de medio cento de persoas dan vida a estas formacións, que están dirixidas por Uxío Pazos, neto de Eugenio Pazos, quen tivo a batuta nas súas mans catro décadas. O futuro da banda pasa agora por manter en activo a escola. Os seus ingresos proveñen das cotas dos socios e dos concertos. O Concello carga cos gastos do local.