Santa Comba difunde a súa riqueza xeolóxica cun proxecto veciñal dirixido polo doutor Fran Canosa

Emilio Forján SANTA COMBA / LA VOZ

SANTA COMBA

E. FORXÁN

Unha exposición urbana instala diferentes exemplares de rochas representativas da comarca xalleira

11 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Fran Canosa é doutor en Xeoloxía, recoñecido polo seu labor da divulgación do turismo xeolóxico en Galicia e agora lidera un proxecto que conta co apoio do Concello de Santa Comba, pero a iniciativa partiu dun grupo de veciños moi interesados no patrimonio local como Matilde Arufe, Manuel Pérez ou José Manuel Pérez Gorgal, entre outros.

Cal é o propósito principal? Contan que o de identificar e documentar as formacións rochosas características da zona «facilitando a súa comprensión tanto para os habitantes coma para posibles rutas de interese xeolóxico», sinalan. O primeiro paso consiste na creación dunha exposición urbana, coa instalación de diferentes exemplares de rochas representativas da xeoloxía local en tres zonas verdes do casco urbano. A contorna do edificio Multiusos é unha que leva por título: O interior da terra aos teus pés. Outra zona será a denominada Cando a terra recicla rochas, situada na Casa do Pozo e por último, situada nos xardíns do IES Terra de Xallas, poderán contemplarse: Os tesouros minerais de Santa Comba. As rochas depositadas nas tres zonas serán identificadas cun código QR para informar ao público das súas características.

Dende o Concello, o seu alcalde, Alberto Romar, explica que estamos ante un proxecto que, di, «combina o esforzo veciñal co apoio institucional e, a dirección científica de Fran Canosa que un dos maiores expertos en Galicia». En abril está previsto que Santa Comba acolla un foro anual de expertos en xeoloxía.