Nuria Grandío: «Konachadas ten unha comunidade moi sa e moi fiel»

ROIS

YOUTUBEIRAS+

A canle de contidos dixitais creada pola veciña de Rois acaba de recibir un premio

02 mar 2026 . Actualizado a las 13:39 h.

Konachadas é o nome dunha canle de contidos dixitais enfocada en Galicia, que acaba de obter o Premio á Creación de Contidos na novena edición do certame Youtubeiras+, que ten como fin difundir o talento en galego nas redes sociais. Detrás de Konachadas está Nuria Grandío López, de 29 anos e natural de Viveiro, aínda que leva arredor dun ano residindo en Rois, no lugar do Sisto.

 O xurado do certame valorou da súa canle «a calidade visual, a súa imaxinación e a súa capacidade» para converter calquera temática «nunha mensaxe reflexiva, divertida e reivindicativa apta para tódolos públicos». A creadora explica que Konachadas naceu no ano 2021, como traballo final do máster de mestrado de Dirección de Arte e, en principio, enfocado ao deseño. Non obstante, tamén aproveitou o proxecto para «contar cousas que me apetecía e para difundir que o galego ten espazo nas redes sociais e entre os máis mozos e iso é o maior fin da canle», explica Nuria Grandío, que é a directora creativa da axencia de publicidade Trend.

Na actualidade, a canle ten máis de 21.000 seguidores na rede social de Instagram e preto de 5.000 na de Tik Tok. A creadora di que non son unha comunidade «moi numerosísima», pero si «moi fiel, moi sa e de moi bo rollo, maiormente feminina e coa que estou moi cómoda» xa que a interacción cos seguidores «é a miña parte favorita das redes» e é fundamental no seu proxecto de creación, sinala a súa promotora.

En canto aos contidos publicados, asegura que «hai un pouco de todo», pero sempre ligado aos seus valores e, aínda que ás veces poidan semellar trapalladas (ou como se di na súa terra, konachadas), teñen de fondo temas relevantes. Cando recibiu o premio Youtubeiras, Nuria Grandío fala de que sentiu «moita emoción» porque, segundo explica, supón un recoñecemento a un traballo que, como no caso de moitos outros creadores de contidos en galego, faise de forma non profesional e no tempo libre, polo que «foi como unha palmada no lombo que te axuda a seguir porque che ven dicindo que o que fas ten valor e que hai unha rede de apoio», afirma a creadora, que recibiu a felicitación do Concello.