Olaya Naveira: «O reto é conseguir a atención dos pequenos e dicir algo máis aos pais»

paula hernández / i / c. SANTIAGO / LA VOZ

ORDES

Sandra Alonso

Os álbums ilustrados infantís e os retratos son os seus traballos máis recoñecidos

21 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Todos os cativos debuxan dende que poden agarrar un lapis. A pregunta non é cando Olaya Naveira comezou a debuxar así de ben, é ¿cando os demais deixamos de debuxar? Esta frase atribúese ao tamén ilustrador Puño, que Olaya menciona para explicar que a ilustración é como un deporte, canto máis practiques, mellor serás. Ela é de Ordes, estudou en Santiago e logo en A Coruña e agora reside na capital galega, onde traballa da súa paixón.

-¿De todas as ramas da ilustración cal é a que máis lle enche?

-A ilustración editorial infantil, porque non é só facer unha imaxe, é construír unha historia con varias imaxes. O reto é moito máis grande e vai moito máis alá. Se o fas ben hai contos que permanecen no tempo moitos anos.

-As ilustracións son os primeiros contactos que os nenos teñen cos libros, ¿como as enfoca?

-Nestes libros que adoitan ser álbums ilustrados hai moi pouco texto e coa imaxe podes dicir moitas cousas. A imaxe é a protagonista principal. O reto é conseguir a atención dos máis pequenos e conseguir dicir algo máis coas imaxes para que lle transmitan mensaxes tamén aos pais, que ao final son os que len os libros.

-¿Son un público difícil os nenos?

-Si, son os máis críticos. Eles abren o libro e se non lles gusta a primeira páxina, pechan o libro e piden outro.

-Haise que poñer no seu lugar e pensar no imaxinario, ¿que distingue este tipo de debuxos?

-Os nenos aprecian ser capaces de reproducir os debuxos que ven. Se ti fas un lobo moi realista eles non son capaces de facelo, se ti debuxas un lobo máis xeométrico eles son capaces de reproducilo e achégaos á historia. En canto ás cores, eu adoito coller unha gama limitada de cor e que sexan contrastadas. No Lobishome traballei co amarelo, o azul escuro e o vermello. Utilizar una gama limitada funciona ben porque a mensaxe é clara e os debuxos simplifícanse.

-Da man de Jacobo Paz ilustrou «Lobishome» e «Maruxaina», ¿como foi o proceso?

-No primeiro, o autor mandou o libro á editorial e a min encargáronme as ilustración. Para a Maruxaina, como ao escritor xa lle gustaran as miñas ilustracións, contaron directamente comigo. Ademais, son dunha colección.

-¿Que se sinte ao ilustrar un libro dun grande da literatura galega como Xosé Neira Vilas?

-Foi moita presión, porque dixen: igual isto non me volve pasar máis. Nos outros libros utilicei unha técnica dixital pero con Neira Vilas fixen un traballo manual porque os seus textos pedíanmo. Por outra parte, foi fácil porque era deixarse levar polo texto. Cando tes un texto bo é moito máis sinxelo traballar.

-Este ano puido ver parte da súa obra exposta, ¿como foi ese momento?

-Foi un gran momento, sobre todo vendo os ilustradores que me rodeaban, porque había moita xente que admiro, como David Pintor ou Lucía Cobo.

-¿Algún proxecto entre mans?

-Agora estou traballando nun álbum ilustrado a nivel particular, non llo presentei a ningunha editorial porque me gustaría traballar un pouco máis no texto.

-Os retratos son outros dos seus encargos, ¿en que se fixa para que a outra persoa se sinta representada?

-A persoa que me encarga o retrato adoita mandarme unha foto e eu pregúntolle como é a persoa ou que lle gusta. É un traballo ao que dedico bastante tempo, non o fago todo de corrido, para que repouse a ilustración, a foto e a vista.

-¿Cre que as redes sociais axudan a visibilizar a ilustración?

-Si, porque nos damos a coñecer e son un escaparate moi forte. Incluso na publicidade téñense en conta o número de seguidores.

-¿As novas xeracións aprecian máis aos ilustradores?

-A ilustración está vivindo uns anos de protagonismo. Estanse utilizando moitas ilustracións en artigos e libros, está tendo máis presenza e a xente valóraa máis.