Un policía de Ordes pide melloras na accesibilidade para persoas discapacitadas

alicia pedreira ORDES / LA VOZ

ORDES

José Astray reincorporouse hai dous anos á Policía Local de Ordes e fai traballos administrativos.
José Astray reincorporouse hai dous anos á Policía Local de Ordes e fai traballos administrativos. a. pedreira< / span>

José Astray, que está enfermo de esclerose lateral primaria, propón unha ordenanza sobre tarxetas de estacionamento

08 feb 2015 . Actualizado a las 04:00 h.

O diagnóstico dunha enfermidade neuromuscular dexenerativa desbaratou a súa vida hai cinco anos. José Astray, veterano axente da Policía Local de Ordes, empezou a notar que o seu corpo non respondía xogando ao fútbol. A partir de aí, un longo camiño de probas e consultas médicas revelaron a causa: esclerose lateral primaria, unha das clasificadas como enfermidades pouco frecuentes ou mal chamadas «raras». Asegura que, nese momento, o primeiro que necesitas é un psicólogo que che axude a encaixar a nova realidade na que vives e vas vivir. Logo, enfrontarte á situación e traballar para minimizar, na medida do posible, os efectos da enfermidade, que non ten cura nin tratamento máis alá dos relaxantes musculares e as vitaminas.

 

 

Axuda dos compañeiros

 

No ámbito laboral, reincorporouse hai dous anos ao corpo da Policía Local para desenvolver labores administrativas. «Eu non son moito de oficina», asegura, «pero grazas aos meus compañeiros, que me axudaron moito, adapteime e estou contento». Di que bota de menos o traballo na rúa, sobre todo no que atinxe á xestión do tráfico e a seguridade vial, que afirma ser o que máis lle gustaba.

Pero a de José Astray non é só unha loita persoal. Asegura que ten «unha perspectiva moi ampla sobre os problemas de accesibilidade que deben encarar as persoas con mobilidade reducida. Seino como enfermo e como policía». Por iso a súa teima é lograr que se estableza unha regulamentación que solvente as profundas eivas e lagoas que segundo afirma, ten este ámbito «sempre moi desatendido». O seu periplo na procura deste obxectivo non se limita ao concello de Ordes, senón que vai máis alá para tentar desde a Fegamp que se lexisle nesta materia, «igual que noutras federacións de municipios e provincias, como por exemplo, a andaluza», comenta. Nela, ademais de establecer os criterios da reserva de prazas nas zonas de estacionamento de vehículos e as condicións técnicas das mesmas, ofrece un marco normativo sobre os requerimentos de parques, xardíns, prazas e demais espazos públicos urbanos en materia de accesibilidade, co gallo de eliminar as barreiras arquitectónicas, o cabalo de batalla das persoas con discapacidade.

A aprobación o pasado mes de decembro dun Real Decreto que unifica a regulación aplicable ás tarxetas de estacionamento, ata agora dispersa e dispar segundo a comunidade autónoma da que se trate, «deume un pouco de cancha e para min supón un apoio legal moi grande», afirma José. Por iso xa redactou unha proposta de ordenanza tipo, que establece o número de prazas regulamentarias cos correspondentes espazos de acceso ás beirarrúas, a autorización do tránsito por zonas peonís e restrinxidas ao tráfico normal, a accesibilidade a todos os centros de actividade da zona urbana, o dereito das persoas con discapacidade a solicitar unha praza cerca do seu domicilio e lugar de traballo, os criterios de obtención da tarxeta de estacionamento e a posibilidade de facerse cunha provisional para situacións eventuais e transitorias, entre outros aspectos.

 

 

Nas áreas non urbanas

 

Ademais, José Astray reclama que a ordenanza que se aprobe para Ordes inclúa as áreas non urbanas, ignoradas neste Real Decreto. «Nas parroquias hai moita poboación e tamén zonas de actividade: igrexas, centros sociais, escolas, etc. nas que son necesarias prazas de aparcamento e condicións de accesibilidade adaptadas».

Agora, espera que dende as instancias políticas «teñan tempo para atenderme», e que logo se poña en práctica e se faga cumprir a norma. E mentres, segue vivindo o día a día coas súas circunstancias porque «un nunca sabe cando vai ser máis feliz».

«Nas parroquias se precisan prazas para aparcar e condicións de accesibilidade adaptadas»

José Astray