Unha porta da urbe amurallada, un hospital de peregrinos e restos de cunchas xacobeas nun pequeno cemiterio da contorna, vestixios na capital irlandesa
14 dic 2025 . Actualizado a las 12:31 h.Regresei a Irlanda neste outono. E volvín a ese anaco xacobeo chantado en Dublín: St. James´s Church, a igrexa de Santiago en Dublín (Eaglais Naomh Séamais, no idioma irlandés), no número 8 de James´s Street. Alí chegara noutras ocasións, pero foron as palabras de dous amigos, devotos e expertos no Camiño —o xornalista Manuel F. Rodríguez e a pedagoga Oihana Trojaola Anasagasti— quen mellor me descubriran aquel curruncho do famoso barrio dos Liberties dublineses. Este recinto con vencellos a Compostela sitúase tamén á beira da vía que nos leva a un hospital, á estación de tren (Heuston), ó Museo Irlandés de Arte Moderna (Irish Museum of Ireland) e a un cárcere-museo (Kilmainham Gaol) con fondo significado no nacionalismo irlandés. Áchase ademais moi pegado á fábrica da icónica cervexa Guinness. «O Camiño comeza aquí» (The Camino begins here), anuncia unha pancarta da Camino Society na fachada desta igrexa xacobea.
Anos atrás coñecera este templo neogótico do século XVIII. Entrando á dereita, nunha nave lateral, loce a capela dedicada ó apóstolo Santiago e xa nun espazo da fachada está o centro de información da Camino Society Ireland, da sociedade irlandesa do Camiño, creada en 1992. No pasado marzo, representantes da Asociación de Concellos do Camiño Inglés (Galicia) deixaron alí unha talla de Santiago —obra do escultor Armando Martínez—, cun texto explicativo en gaélico, inglés e galego. Tal parroquia e asociación amosan amais unha sinaléctica exterior que anuncia con claridade a vinculación xacobea do lugar.
En abril de 2022 puiden entrevistar ó daquela párroco desta igrexa, o P. Eugene Taaffe, que agora seica foi destinado a outra freguesía dublinesa. Gustoulle que fose publicar algo sobre o noso encontro e charla en lingua galega. El nunca viñera visitar Compostela («téñoo pendente», díxome), mais exerceu dende Dublín un importante labor no coidado e difusión da pegada do Camiño de Santiago nas terras de Eirinn.
Porta, muralla, cunchas
Faláranos o P. Eugene dos primeiros vestixios medievais naquela contorna, no século XIII: a porta de Santiago nesa urbe capital amurallada, un hospital de peregrinos e restos de cunchas xacobeas atopados nun pequeno cemiterio próximo. Este crego acababa de gravar un programa sobre o tema na televisión croata.
Alí, unha achega especial é a realizada pola Camino Society. Ó longo dos seus 33 anos de existencia foi incrementando as súas actividades e, a través da iniciativa The Celtic Camino: from Ireland to Santiago (O Camiño Celta: de Irlanda a Santiago), entregan unha Compostela irlandesa (Passports for the Camino de Santiago, Pasaportes para o Camiño de Santiago) na súa amentada oficina informativa. Persoal voluntario e entusiasta ocúpase a diario desta xestión. O documento pode ser usado polos peregrinos para completar a viaxe da Coruña a Santiago e obter a súa
Compostela na meta da cidade do apóstolo, despois de ter cubertos os requiridos 100 quilómetros do Camiño Inglés, dos cales 25 son percorridos en territorio irlandés. Ese denominado Camiño Celta está arroupado con outras actividades coma o Celtic Camino festival, que tivo a súa primeira edición en Westport (Irlanda), en abril de 2018.
Constátase que existe un maior coñecemento das viaxes a Santiago que parten da illa de Gran Bretaña. Porén, hai menos datos sobre o culto ó apóstolo nas relacións da illa de Irlanda con Compostela: a devoción xacobea, as pegadas histórico-artísticas, os periplos, aventuras e experiencias peregrinas no Eire.
Na traxectoria histórica das peregrinacións a Santiago de Compostela, os roteiros desde as Illas Británicas conforman unha ruta que dá lugar ó que se coñece como Camiño Inglés (English Way). Hoxe en día esta vía de chegada a Compostela define unha realidade moi relevante, tanto no aspecto da peregrinación con connotacións relixiosas coma no sector turístico.