Manuela Rey, estrela galega do teatro luso no XIX, rexorde en Santiago sobre as táboas do Principal 

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

SANTIAGO

Sandra Alonso

Acolle a estrea en Galicia da montaxe que saca do esquecemento á actriz de Mondoñedo

13 mar 2024 . Actualizado a las 21:31 h.

Xoves, venres e sábado • 20.30 horas • Teatro Principal • 12 euros • Naceu en Mondoñedo en 1846 e chegou a ser a estrela do Teatro Nacional Dona María II de Lisboa a mediados do século XIX, pero, pese a iso, Manuela Rey é unha grande descoñecida tanto no teatro galego como no portugués. Para reivindicar a súa figura e dala a coñecer entre o público o Centro Dramático Galego (CDG) xunto co Teatro Noroeste-Centro Dramático de Viana, o Teatro Nacional D. María II de Lisboa e o Teatro Nacional São João do Porto coproduciron a montaxe «Manuela Rey is in da house», que se representará por primeira vez en Galicia no Principal de Santiago. O mércoles haberá unha sesión para universitarios e xoves, venres e sábado para todo o público.

Fran Núñez, o director do CDG, asina a dirección artística e dramaturxia deste espectáculo que ten o seu xermolo no 2016, a raíz da publicación por parte de Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo, dun artigo sobre Manuela Rey (Mondoñedo, 1842-Lisboa, 1866). A partir de aí tamén se iniciou unha investigación en colaboración co Incipit —entidade pertencente ao CSIC—. Deste xeito, o resultado é unha montaxe teatral na que a investigación arqueolóxica, antropolóxica e científica toma o centro da escena, tal e como se explica no prólogo da publicación que reproduce a única biografía que se conserva sobre Manuela Rey datada pouco despois da súa morte.

«É un espectáculo totalmente contemporáneo, pero o texto está sacado tal cal da biografía ou de textos do século XIX. O que fixemos foi un clásico, pero coa plástica e montaxe contemporánea. Está ao servizo da investigación. O punto de vista máis parecido sería ao dunha charla TED. Temos unha arqueóloga-antropóloga en escena e o resto do equipo está ao servizo de contar a historia de Manuela desde o seu corpo», asegurou Núñez durante a presentación da peza. Acompañárono a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao; o director da Agadic, Jacobo Sutil; a actriz Raquel Crespo e a vicedirectora do Incipit-CSIC, Cristina Sánchez.

O espectáculo, ademais de visibilizar a figura de Manuela Rey, unha adiantada a súa época pese a morrer con só 23 anos, tamén reforza os vínculos do teatro galego e o portugués. Un aspecto no que fixeron tamén especial fincapé o director da Agadic, Jacobo Sutil, e a concelleira da área cultural, Míriam Louzao. O elenco está formado por sete artistas de Galicia e Portugal, que entre todos dan vida a Manuela Rey. «Recollemos a Manuela e con ela a moitas máis mulleres [esquecidas]», destacou a actriz Raquel Crespo.