Os últimos días de Manuela Rey


Queda moito por descubrir da mindoniense Manuela Rey (Mondoñedo, 1 de outubro de 1842 ? Lisboa, 26 de febreiro de 1866). Como actriz, como creadora, como muller ?, tanto queda por saber e por contar que, estou seguro, chegará o día no que teremos que escribir con letras de ouro o seu nome no lintel da porta de honra da historia do teatro galego. Mentres agardamos a que ese día glorioso alborexe, imos relembrar o tráxico final da súa curta existencia. 

   Manuela Rey fixo a súa primeira representación en Lisboa, Teatro do Salitre, o 8 de decembro de 1856, sendo parte dunha compañía española lírico dramática e de danza. Acababa de cumprir os 14 anos. Repetiría función o día 14, no mesmo teatro e coa mesma obra, un drama titulado El hijo del ciego, representando en castelán un papel masculino que causou admiración. Pouco despois de cumprir os 15 anos, o 23 de novembro de 1857, comezaba a súa excelente carreira no Teatro Nacional D. María II coa obra ?A alegría traz o susto?. As circunstancias non eran óptimas. O público apenas acudía ao teatro pois a febre amarela causaba estragos entre a poboación de Lisboa, e ata os actores e actrices, por esixencias da obra, subiron aos escenario vestidos de rigoroso loito. Sen embargo, a obra tivo éxito e Manuela consagrouse. 

   Desde esta data e ata finais de 1865 representou numerosas obras, sempre no D. María da Praça do Rossio, a maioría cun éxito rotundo, ata converterse en ?a maior de todas as nosas actrices románticas?, ao dicir de Camilo Castelo Branco (1825- 1890), o grande escritor portugués. 

  O 4 de xaneiro de 1866, representou por primeira vez ?em seu beneficio? a obra ?Un Cura d?Almas?, e recitou o poema ?Primeiros Amores? de Eduardo Augusto Vidal. O público asistente, ao vela pálida e con febre a causa do tifo, asustouse. Un presentimento de traxedia infectou o ambiente.  O 5 de febreiro deu un paseo polo Jardim da Estrela e ao regreso séntese peor. O día 8 encamou, o 24 a enfermidade pulmonar que padece agrávase e o 26, sobre as seis e media da tarde morre na súa residencia da Praça da Figueira, 46, 3º andar, acompañada de amigas e amigos, poetas e actores, entre os que estaban Ernesto Biester, J. A. Correia de Barros, Manuel Roussado e Rosa Júnior. O goberno ordea facerlle a autopsia por haber sospeita de crime. Ao seu funeral, que se celebrou na igrexa de San Domingos, asisten numerosas figuras do teatro: escritores, actores e público. Foi o primeiro funeral dunha actriz ao que asistían señoras. O seu corpo foi soterrado no Cemiterio dos Prazeres no espazo reservado pola Associação dos Socorros Mútuos dos Actores Portugueses. Acompañouna un cortexo fúnebre composto por centos de carruaxes, só superado en número polo do rei don Pedro V ou o do orador José Estevão. 

  Francisco Palha (1824-1890), empresario teatral e comisario rexio no D. María naquel tempo, tirou dela unha medalla de ouro cos seus dourados cabelos e entregoulla á grandísima actriz Delfina do Espírito Santo (1818 -1881). Delfina, ao parecer, deixou disposto no seu testamento que á súa morte a medalla volvese a mans de Palha. 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags

Os últimos días de Manuela Rey