Padrón distingue a Alfonso Rueda como Peregrino de Honra

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

SANTIAGO

ANA VARELA

O Concello recoñece o seu apoio ao Camiño e á Pedronía

21 jul 2022 . Actualizado a las 08:47 h.

Despois da súa terceira visita a Padrón dende que é presidente da Xunta, Alfonso Rueda xa é un pouco máis padronés tras recibir onte o premio Padrón, Berce do Xacobeo, que inclúe a distinción de Peregrino de Honra, que concede o Concello. A entrega foi na igrexa parroquial, chea para o acto, incluídos peregrinos, e tras a celebración dunha misa oficiada en galego polo párroco Roberto Martínez. Asistiron, entre outros, alcaldes de concellos vinculados ao Camiño; o delegado provincial Gonzalo Trenor; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a comisaria do Xacobeo 2021-2022, Cecilia Pereira, o director da Academia Xacobea, Xesús Palmou ou o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal.

Alfonso Rueda foi recibido pola Banda de Música de Padrón. Na igrexa, o alcalde padronés referiuse ao presidente da Xunta como a «unha das persoas máis implicadas co Camiño», xa dende a súa etapa como conselleiro de Turismo. Antonio Fernández destacou o traballo de Rueda por difundir o Camiño e Galicia nunha das épocas máis difíciles, a da pandemia, e por axudar a sectores tan afectados como a hostalaría. O rexedor de Padrón agradeceu o apoio do titular da Xunta ao recoñecemento da Pedronía e dixo que «o Camiño está nas mellores mans». Rueda, que recibiu a capa e o bastón de peregrino e unha réplica do Pedrón, declarouse un «humilde entusiasta do Camiño» e animou a percorrelo. «A miña obriga é, antes como conselleiro e agora como presidente, facer todo o posible para que vaia a máis», dixo antes de engadir que «este ano imos bater rexistros de todo tipo».